Interesámonos polo estado da rede de sumidoiros

O BNG de Ribeira ven de presentar unha moción pola que solicita ao Goberno Municipal do PP información en relación co estudo realizado sobre o estado da rede municipal de sumidoiros

Tamén reclama que se leven a cabo, dun xeito planificado, as actuacións recomendadas no devandito estudo, e outras se fora preciso, para poñer fin ao grave problema de cheiros e inundacións que sofre periodicamente o noso concello. Ao mesmo tempo solicita que mentres non se solucione totalmente o problema, o Goberno Local poña en marcha medidas que minimicen e compensen, no seu caso, os problemas causados á cidadanía

Desde hai moito tempo o BNG ten presentado iniciativas tendentes á superación dos problemas de cheiros e inundacións que o mal funcionamento da rede de sumidoiros ven causando á cidadanía de Ribeira. É este un problema que, sendo competencia de xestión municipal, non ten visos de solución pese a vir de moito tempo atrás. Por lembrar só algunha das últimas iniciativas, o BNG presentou en Outubro de 2007 unha moción instando ao Goberno Municipal á elaboración por empresa competente dun estudo técnico serio que incluíra as medidas correctoras posibles para poñer fin aos graves problemas de funcionamento da rede de sumidoiros en Ribeira. Incomprensiblemente, esta proposta fora rexeitada pola maioría de goberno do Partido Popular.

En maio de 2008 volvéronse producir graves problemas de inundacións e cheiros no centro de Ribeira provocando as lóxicas protestas de veciños e comerciantes que, unha vez máis, vían seriamente afectada a súa actividade normal. Foi nestas datas que o Goberno Municipal anuncia na prensa “a inmediata contratación a unha empresa especializada dun informe técnico que, ao mesmo tempo ofreza solucións a este problema”. O Goberno Municipal asume así a proposta do BNG que rexeitara nove meses antes. Sen embargo, a estas alturas aínda o se nos informou do contido do devandito informe técnico ao resto dos grupos municipais.

Iniciativa municipal:
2008-11-14estudo_tecnico_cheiros_en_ribeira.PDF

Nova en Tele Salnés:
O BNG insiste na necesidade dun estudo sobre a rede de sumidoiros de Ribeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *