Alegamos contra a permuta de Fontán, no Touro

O BNG ven de interpoñer recurso de reposición contra o acordo do Pleno da Corporación, de 29 de setembro de 2008, polo que se aproba a permuta do 10% de aproveitamento urbanístico que lle corresponde ao Concello no Plan Parcial SUZ-4-Fontán co inmoble ruinoso sito na Avda. Xeneral Franco á altura do número 65, solicitando que se dicte unha resolución que revoque e anule o citado acordo plenario

No Pleno Ordinario do pasado 29 de setembro o PP de Ribeira aprobou en solitario unha permuta pola que cambia o 10% da edificabilidade que lle corresponde na urbanización Fontán do Touro por unha edificación ruinosa na Rúa Xeneral Franco coa intención de derrubala para ampliar en 41 m2 unha pequena praza alí existente.

Isto é tremendamente grave porque ese 10% da edificabilidade representa 582 m2 de terciario (en baixos e locais multiusos, sempre necesarios para a prestación de servizos a toda a cidadanía) e 2.390 m2 para a construción de 20 vivendas de protección oficial. Polo tanto, regalar todo isto a cambio de ampliar unha praza en 41 m2 parece, cando menos, un insulto á intelixencia da cidadanía de Ribeira

A lexislación vixente establece a poxa pública como regra xeral de alleamento dos inmobles dos Entes locais, tal como se establece no artigo 112 do Regulamento de Bens das Entidades Locais, aprobado por Real Decreto de 1372/ 1986 (RBEL). A única excepción a esta regra é que no expediente que autorice a permuta queden precisadas e acreditadas as razóns concretas que a fagan aparecer como unha necesidade non simplemente como unha conveniencia.

Consideramos, polo tanto, que non está suficientemente acreditada a necesidade desta permuta. Neste caso parece máis ben que esta permuta se fai pola conveniencia de beneficiar a un poucos en perxuizo de moitos, de toda a cidadanía de Ribeira. Non é entendible que nun momento de crise económica como o que estamos a padecer, á que lle hai que engadir o elevado prezo que dende hai algúns anos ten a vivenda en Ribeira, se priorice a política de permutas en detrimento de políticas sociais como a de dotacións públicas e a construción de vivendas de promoción pública. Así, se o Concello ten dificultade para a edificar estas vivendas só ten que cederlle a edificabilidade á Consellería de Vivenda e Solo para que ela se encargue.

Por outra banda, outra das razóns que se alegan para impugnar o acordo plenario polo que se aprobou a permuta destes 582 m2 de terciario, máis 2.390 m2 de edificabilidade para a construción de 20 vivendas de protección oficial é a valoración da mesma. Parécenos moi grave que a valoración deste ben público se atope moi por debaixo do valor real e de mercado do mesmo. Así os 582 m2 valóranse en 90.210 €, e os 2.390 m2 valóranse en 195.597,60€. En total o valor do 10% da edificabilidade é de tan só 285.807,60€. Mentres, unha casa cunha superficie de chan de 41 m2, e cunha superficie contruida en estado ruinoso de 181 m2, se valora en 221.320,23€. O que aínda nos parece máis grave é que na súa valoración non se teña en conta que está afectada no PXOM de Ribeira practicamente no 50%. A diferencia compénsase entregando ao Concello unha cantidade de 64.487,37€.

Aínda considerando importante crear espazos públicos, entendemos que non pode facerse a calquera prezo. A fórmula que adopta neste caso o goberno do PP é claramente perxudicial para os intereses de Ribeira. Cambiar preto de 3.000 m2 de edificabilidade por unha ampliación de 41 m2 nunha praza e pouco máis de 10 millóns e medio de pesetas parécenos un prezo demasiado alto; un despilfarro de recursos que un goberno responsábel non se debe permitir, e menos en época de crisis. Por esa razón solicitamos que se revoque e anule o devandito acordo plenario.

Recurso Reposición Permuta Fontán:
2008-10-28recurso_reposicion_permuta_fontan.pdf

One Comment on “Alegamos contra a permuta de Fontán, no Touro”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *