Solicitamos arranxos na Autovía da Barbanza

Ponte de Ventín

O BNG presentou unha iniciativa no Parlamento de Galiza, que se debaterá o vindeiro mércores, pola que se reclama á Consellaría de Política Territorial que se arranxen tódas as deficiencias detectadas na autovía da Barbanza

No que respecta ao Concello de Ribeira as deficiencias máis importantes refírense á necesidade de mellorar a ponte de Ventín e de acondicionar os accesos ás fincas particulares, que se atopan cortados ou alterados

A deputada do BNG, Ana Pontón, presentou no Parlamento unha iniciativa a través da cal insta á CPTOP, a darlle unha solución a tódalas deficiencias detectadas ó longo do actual trazado da autovía do Barbanza, a maioría delas referidas á reparación e reposición dos camiños existentes, á restauración dos accesos ás fincas que aínda permanecen cortados ou á previsión de recollida de augas e canalizacións.

Dende o BNG somos conscientes de que esta infraestrutura é de vital importancia para o desenvolvemento da comarca. Aínda así, consideramos que as obras deben executarse, con total garantía, respectando os intereses da veciñanza e prexudicándoos o menos posible. Por esta razón reclamamos a solución urxente dos problemas por parte da empresa concesionaria das obras antes de que rematen os traballos.

Ponte de Ventín

Entre as deficiencias detectadas ó longo de todo o trazado, está a necesidade de mellorar a nova ponte construída na zona de Ventín. Esta ponte sobre a autovía da estrada de Palmeira a Moldes é excesivamente estreita polo que non permite o paso de dous vehículos a par de ancho superior ao dun turismo: furgonetas, camións, etc. É de destacar que esta estrada será un acceso secundario ao futuro parque empresarial da Barbanza.

Hai que lembrar que o BNG volveuse a interesar fai poucos días no Parlamento Galego pola seguranza nesta autovía, reclamando a colocación de sistemas de contención adecuados ás necesidades das e dos motociclistas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *