Por qué o PP rexeita protexer a Laxe Brava?

Os PePes de Ribeira demostraron no pasado pleno de 27 de outubro que o seu interese pola conservación de Laxe Brava é só de boca para fóra. Rexeitar na propia casa (Concello) o que reclaman en casa allea (Xunta) déixaos en evidencia.

A declaración de Espazo Natural de Interese Local que propón o BNG non suporía cambios na cualificación urbanística actual e de usos, pero si que obrigaría a retirar do Plano Acuícola o proxecto da costa do Corgo. E tardaría dous meses.

Desprezando as máis de setecentas alegacións en contra da planta acuícola así como as máis de 300 sinaturas recollidas en Corrubedo apoiando a proposta de protección do BNG, o goberno do PP, baseándose en argumentos tan falsos como inmorais, afirma defender “aos veciños” mediante un contencioso administrativo contra a Xunta de Galiza. Este recurso, que pagará toda a cidadanía de Ribeira, tardará varios anos en resolverse e ten moi poucas posibilidades de prosperar.

Por qué o PP prefire a vía xudicial custosa, longa e inútil? Por qué non quer asumir o goberno de Ribeira a protección que a Lei de Protección da Natureza lle permite dun xeito moito máis barato, rápido e seguro?

Na Laxe Brava, en dous ou tres anos, o dano pode ser irreparable. Nese tempo, sen ningún tipo de protección ambiental e ao amparo do Plano Acuícola, pode instalarse alí unha macropiscifactoría, daquela xa sen volta atrás. ¿Que vantaxe saca de aquí o Partido Popular? Pois deixar que o mal avance e culpar mentres tanto ao BNG (¡!). E “aparecer” ata as vindeiras eleccións autonómicas e municipais como “defensor” dos veciños que, mentres, estarán sufrindo uns expedientes de expropiación que o mesmo Goberno Municipal podería ter evitado.

Desde o BNG seguiremos insistindo para desenmascarar, diante da cidadanía de Ribeira, a conducta inmoral deste goberno do PP que non ten reparo en utilizar o máis prezado patrimonio natural e paisaxístico de Ribeira, e as propiedades dos seus veciños, na súa negra estratexia de manterse no poder a toda costa.

Se aínda se pode salvar Laxe Brava, quén se rende?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *