Reclamamos a protección da Ría da Arousa

O BNG de Ribeira solicitará no Pleno do vindeiro luns, día 27, que a Corporación Municipal rexeite o uso da boca da Ría da Arousa como vertedoiro de 148.000 toneladas residuos procedentes de Vigo ou doutra instalacións portuarias.

Tamén reclamaremos que se inste ao Porto de Vigo a buscar unha alternativa a este cemiterio de lodos contaminantes e que se transmita á Xunta de Galiza e á Consellaría de Medio Ambiente o rexeitamento e a preocupación da Corporación por estas práticas.

As dársenas pesqueiras do Berbés en Vigo son o lugar onde se vertían, ata hai dez anos, cando se estreou a depuradora do Lagares, todas as augas residuais da cidade e o sitio onde seguen desaugando hoxe todas as empresas instaladas no porto, que aínda, en 2008, carecen de conexión coa rede de saneamento. Metais pesados, clorobifenilos, e hidrocarburos completan a mestura contaminante de alto contido en chumbo da zona, como revelan diversos estudos sobre a contaminación da ría, que coinciden en considerar este punto como o máis contaminado da ría viguesa. Este espazo preténdese dragar para trasladar a unha zona entre Sálvora e Ons as 148.000 toneladas de lodos contaminados resultantes da operación.

Non é a primeira vez que a área entre Sálvora e Ons se utiliza como estercoleiro. A Autoridade Portuaria de Vilagarcía depositou xa nese mesmo lugar 1,8 millóns de toneladas de lodos. E precisamente ese é o argumento de peso utilizado pola institución portuaria viguesa para xustificar a elección. Trátase ademais, din eles, dunha zona da ría “bastante externa”, polo que descartan a afección a zonas de baño e bancos marisqueiros.

Porén un investigador do Instituto de Investigacións Mariñas, pertencente ao Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) sinala que a súa vertedura (en Sálvora) provoca unha acción de dispersión polas correntes mariñas; non é un colector hermético que se deposita no fondo, senón un vertido directo que se dispersa nunha columna de auga en función das correntes.

Diferentes colectivos ecoloxistas e confrarías teñen denunciado os prexuicios ambientais destes millóns de metros cúbicos de lodos, unha situación que veñen denunciando dende hai tempo, pero que agora cobra nova relevancia ao coñecerse o verquido de novos residuos industriais e químicos procedementos do porto vigués.

Iniciativa parlamentar e comarcal

Ante o perigo que este tipo de verteduras na boca da Ría da Arousa supón, xa que está en xogo, ademais do equilibrio medioambiental nunha zona privilexiada, un sector productivo que ten precisamente entre Ons e Sálvora unha extraordinaria zona de traballo, o BNG presentou iniciativas municipais en todos os concellos da Barbanza así como unha iniciativa no Parlamento Galego.

Iniciativa Municipal:
lodos.pdf

Iniciativa Parlamentar:

2008-08-06-lodos-salvora.pdf

One Comment on “Reclamamos a protección da Ría da Arousa”

  1. Moi ben pola iniciativa, pero igual chega un pouco tarde.
    Dende o colectivo “A ría non se vende”, fíxose unha denuncia este verán diante do xulgado nº 4 de Vigo, como podes ver aquí: http://galizanonsevende.org/?p=486
    A raíz diso, o porto de Vigo renunciou a facer o vertido: http://arianonsevende.nireblog.com/post/2008/09/17/o-porto-de-vigo-renuncia-a-verter-lodos-contaminados-xunto-a-illa-de-salvora
    Bueno, renunciou a facelo a pé da illa de Sálvora…vaite ti saber onde decidiron facelo agora, pq a merda non a comerán eles. Digo eu, eh?
    Un saúdo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *