Atentado contra o Peirao Fenicio de Aguiño

Obras a carón do Porto Fenicio de Aguiño, xuño 2008

A DELEGACIÓN DE CULTURA INFORMA A PATRIMONIO DAS OBRAS QUE SE ESTÁN A FACER NA PRAIA DA COBASA, NA PARROQUIA DE AGUIÑO, AOS EFECTOS DE POSIBLE APERTURA DE EXPEDIENTE

Solicítase igualmente ao SEPRONA apoio técnico para a comprobación de se a paralización das obras foi efectuada

O Goberno Municipal de Ribeira realizou o pasado mes de xuño unhas obras na praia da Cobasa, parroquia de Aguiño, para instalar unha estación de bombeo que afectan a unha zona que está catalogada como ben de interese cultural. A zona na que se está a levar a cabo a devandita obra dista menos de 10 metros do peirao Fenicio, ben GA 15073041 “Porto da Cobasa”, protexido polo PXOM do Concello de Ribeira. De acordo coa lexislación de Patrimonio vixente a área de protección dos bens catalogados é de 100 metros.

Estas obras foron denunciadas pola Asociación Sagres. O BNG de Ribeira, recolleu esta denuncia e deulle traslado á Delegación Provincial de Cultura e Deporte. Dado que o proxecto de obras non foi informado pola Comisión Territorial de Patrimonio Histórico Galego (Art. 32 da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia e Art. 30 das Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da provincia da Coruña), e poden afectar a bens do Patrimonio Cultural de Galicia, a Delegación solicitou no seu día, concretamente en 20 de agosto de 2008, a paralización cautelar das devanditas obras, mentras se esclareza o seu trámite de autorización, sen haber tido resposta ata a data de hoxe.

A Delegación Provincial de Cultura e Deporte ven de remitir á Dirección Xeral de Patrimonio un informe de incidencias, aos efectos de posible apertura de expediente informativo, relativo ás devanditas obras.

Ademais, desde a Delegación Provincial de Cultura e Deporte enviouse tamén escrito ao Servizo do SEPRONA solicitando o seu apoio técnico para a comprobación de se a paralización das obras foi efectuada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *