Laxe Brava: PP de Ribeira, silencio cómplice?

Aínda que presentada no rexistro o 18 de xullo, a iniciativa do BNG de Ribeira para solicitar a declaración de Espazo Natural de Interese Local (ENIL) para o contorno de Laxe Brava (Corrubedo), vaise debater o vindeiro luns 27 de outubro no Pleno do Concello. Esta figura de protección, contemplada na Lei Galega de Conservación da Natureza, debe ser solicitada polo concello, “permite todos os usos e actuacións que tradicionalmente se viñeron efectuando nese espazo” e obriga, no caso de ser aceptada, á revisión dos planos sectoriais (neste caso o Plano Acuícola) que afecten á zona a protexida.

Non é preciso, neste punto, detallar a xénese do Plano Acuícola que, pese ao fortísimo rexeitamento político e social, foi redactado pola Consellería de Pesca e presentado, “manu militari”, polo presidente Touriño na mesa do Consello da Xunta.

Por se non fora dabondo a maioritaria opinión pública e cidadá, relevantes e autorizadas voces se teñen manifestado en favor da necesaria protección deste espazo natural ribeirense excluído, fraudulentamente, da protección da que si goza o seu contorno inmediato: Lugar de Importancia Comunitaria, Zona de Especial Protección para as Aves e Parque Natural de Corrubedo.

Ademais de ter presentado alegacións en prazo, o Goberno Municipal interpuxo recurso contencioso administrativo contra o Plano Acuícola. Pese a que esta actuación non pon freo ao Plano (nin supón unha vía segura, véxase o caso dos Areeiros), o BNG apoiou a medida, máis que polos resultados agardados, polo valor que neste momento representa a unidade das forzas políticas e sociais de Ribeira dante dun “inimigo” que é, a todas luces, poderoso. E do que está en xogo.

A proposta de declaración de ENIL para Laxe Brava recibiu parabéns das forzas políticas de Ribeira pero non de todas. O Partido Popular, con maioría no goberno, e polo tanto do que depende actualmente a aprobación da proposta de protección de Laxe Brava, fai uso dun sospeitoso silenzo que fai dubidar fundadamente do seu verdadeiro interese neste asunto.

Unha forza política no goberno, obrigada polo tanto a velar polo interese xeral da cidadanía, non pode eludir a responsabilidade de defender, coas armas que a Lei pon ao seu alcance, o patrimonio paisaxístico e natural do seu concello.

Rexeitar a proposta do BNG convertería en falsa a intención protectora das alegacións que o Goberno Municipal de Ribeira presentou ao Plano Acuícola e revelaría sospeitoso o interese real do contencioso interposto.

E será o Partido Popular de Ribeira cómplice necesario para a desfeita de Laxe Brava?

Xosé Luís Groveiro
Concelleiro do BNG de Ribeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *