Solicitamos a dobre bionda na autovía da Barbanza

O BNG de Ribeira ven de presentar unha iniciativa diante do concello de Ribeira para que o Pleno da Corporación inste á Conselleria de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte a que dote todo o percorrido da autovía do Barbanza cun sistema de protección de dobre bionda para os moteiros/as que circulen por ela

Cando estea rematada a autovía do Barbanza vai facilitar a comunicación da nosa comarca co resto de Galiza así como ser a “espiña dorsal” que vertebre as comunicacións dos catro concellos que forman a mancomunidade.

Sen dúbida, a seguridade vial ten que ser unha das premisas básicas sobre as que se debe pór en marcha esta importante infraestrutura.

Nos pasados meses foron moitos/as os/as motociclistas que se concentraron polos concellos da comarca demandando a instalación de dobre bionda protectora na autovía do Barbanza.

Por outra banda o Plan de Seguridade Viaria de Galiza 2006-2010 prevé entre as súas liñas de actuación a “adaptación progresiva da infraestrutura e o seu equipamento ás particularidades dos e das motociclistas nos itinerarios máis frecuentados”, ao obxecto de identificar e actuar nos tramos de concentración de accidentes mortais. Así pois non ten sentido que a nova autovía non teña en todo o seu percorrido un sistema acaído de protección para os moteiros/as que evite a gravidade dos accidentes que se poidan producir.

Iniciativa Municipal:
2008-10-18-dobre-bionda.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *