Interesámonos no Congreso pola pesca da quenlla

A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa, na que pide ao Goberno que reconsidere a Orde do MAPA pola que se denega á frota de baixura o cambio de modalidade pesqueira para a pesca de quenlla.

Xa en xullo o deputado do BNG no Parlamento Galego, Bieito Lobeira, despois de ter unha reunión en Ribeira con afectados deste sector, presentara unha iniciativa relativa á denegación de cambios temporais de modalidade para a captura de quenlla a embarcacións pesqueiras galegas.

Neste sentido, a deputada do BNG alude á Orde ministerial pola que se regula a pesca coa arte de palangre de superficie para a captura de especies altamente migratorias e pola que se crea o censo unificado de palangre de superficie. Lembra que nos meses de verán o Goberno autorizaba a diversas embarcacións pesqueiras galegas o correspondente cambio de modalidade á arte de palangrillo para a pesca de quenlla, baixo unha serie de limitacións.

Subliña que moitos barcos de baixura galegos utilizaban desde hai anos esta posibilidade, e que, ademais, “é capturado para o seu aproveitamento íntegro a diferenza doutras frotas que só utilizan a aleta”. Destaca o feito de que este segmento de frota pesca quenlla de maneira artesanal, actividade da que dependen moitos traballadores do mar.

Por iso, “é difícil entender a decisión do MAPA que supón a denegación automática das solicitudes de cambio de modalidade e, por tanto, a prohibición de que estes buques poidan faenar como o facían tradicionalmente”.

De aí que inste ao Goberno a replantexarse esta decisión.

Iniciativa no Parlamento Galego

Neste senso, xa en xullo o deputado do BNG no Parlamento Galego, Bieito Lobeira, despois de ter unha reunión en Ribeira con representantes deste sector, presentara unha iniciativa parlamentar relativa á denegación de cambios temporais de modalidade para a captura de quenlla a embarcacións pesqueiras galegas. Esta decisión afecta a unhas 35 embarcacións de baixura dos portos de Ribeira, Muxía, Porto do Son, Laxe, Camelle, Burela, Celeiro, San Cibrao e A Guarda.

Esta iniciativa parlamentar do Bloque Nacionalista Galego debateuse o pasado 22 de Setembro na Comisión de Pesca do Parlamento de Galiza. No debate participou o Director Xeral de Recursos Mariños, Antonio García Elorriaga, quen recoñeceu a inadaptación da normativa do Goberno español á realidade da nosa frota de baixura.

O Director Xeral comprometeuse a negociar isto co Goberno español, e amosou a súa confianza en que en Novembro deste mesmo ano se poida reconsiderar esta decisión para permitir que na campaña de verán de 2009 se poida reiniciar a actividade. Por outra banda, segundo indicou, o volume de capturas de quenlla é moi cativo en relación co que pescan outras frotas: oscila entre as 30 tns. capturadas en 2003 e as 125 tns. do 2006.

Iniciativa Congreso:
2008-10-08captura-quenlla.pdf

Iniciativa Parlamento Galego:
30301-captura-quenlla-parlamento-galego.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *