O Polígono da Barbanza sometido a información pública

A Consellaría de Vivenda e Solo ten aberto o prazo para a presentación de alegacións ao plan do macropolígono comarcal

Ordenación do Polígono da Barbanza

Clica na imaxe para ver a Ordenación do Polígono en PDF

A CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO TEN SOMETIDO A INFORMACIÓN PÚBLICA O PROXECTO SECTORIAL E O INFORME DE SUSTENTABILIDADE AMBIENTAL DO PARQUE EMPRESARIAL DA BARBANZA

 As persoas interesadas dispoñen de 2 meses para consultar a documentación e presentar posibles alegacións tal e como se recolle no anuncio publicado no DOG do 21 de agosto

 Este proxecto foi declarado de incidencia supramunicipal por parte do Consello da Xunta

 O investimento total previsto nesta actuación é de 32 M.€, dos que máis de 27 millóns se destinarán á urbanización e 4,1 millóns se investirán na adquisición de terreos

A Consellería de Vivenda e Solo, que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, somete a información pública o Proxecto Sectorial e o correspondente Informe de Sustentabilidade Ambiental do Parque Empresarial do Barbanza, que se desenvolverá entre os concellos de Ribeira e a Pobra do Caramiñal. As persoas interesadas poderán consultar a documentación e presentar posibles alegacións na sede central da Consellería en Santiago de Compostela e nos concellos de Ribeira e a Pobra durante o prazo de dous meses, tal e como se recolle no anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia.

Este proxecto foi declarado de incidencia supramunicipal por parte do Consello da Xunta o pasado 31 de xullo por ocupar terreos pertencentes a dous termos municipais, pola magnitude da actuación que se desenvolverá sobre 1 millón de metros cadrados, e polo obxectivo do proxecto de dar resposta ás necesidades de solo empresarial na comarca detectadas no estudio de viabilidade medioambiental, técnica e económica no que se analizaron 10 millóns de metros cadrados de terreo antes de optar pola área de actuación concreta que albergará o futuro parque.

A previsión da Consellería é realizar a tramitación administrativa durante o 2008 e a licitación das obras se produza no cuarto trimestre do ano. O investimento total previsto nesta actuación é de 32.062.224 euros, dos que máis de 27 millóns se dedicarán á urbanización e 4,1 millóns se empregarán na adquisición de terreos.

Características do parque

O Parque Empresarial do Barbanza desenvolverase sobre unha superficie total de 1.008.928 metros cadrados entre os municipios de Ribeira e Pobra do Caramiñal, que comparten unha economía relacionada co sector pesqueiro e cunha actividade industrial concentrada na conserva. Da superficie total, 541.520 metros cadrados serán de uso empresarial e industrial, 311.824 metros cadrados para espazos libres, 124.198 metros cadrados para a rede viaria e 31.386 metros cadrados para equipamentos.

Tamén incluirá naves modulares para os pequenos empresarios que queiran instalarse co obxectivo de dar resposta ás súas necesidades de solo produtivo a un prezo e nunhas condicións razoables. Estas naves terán un tamaño aproximado de 500 metros cadrados e serán adxudicadas en réxime de aluguer con opción de compra transcorridos 10 anos.

Ademais, o futuro Parque Empresarial do Barbanza contará cun edificio de usos múltiples para dar servizo aos empresarios que se instalen neste parque, tanto de Ribeira como de Pobra do Caramiñal. Este edificio, que contará con espazos comúns de novas tecnoloxías, estará situado nunha parcela de uso dotacional público e será adxudicado por concesión administrativa durante un prazo determinado de tempo.

O Parque Empresarial do Barbanza está incluído no Proxecto Galiza Suma, que supón a construción de parques empresariais estratéxicos e ben dimensionados, cunha alta calidade arquitectónica e tecnolóxica, con dotacións e servizos propios do século XXI.

Información pública no DOG:
2008-08-21dog-informacion-publica.pdf

Nova na Voz:
Vivenda abre o prazo para a presentación de alegacións ao plan do macropolígono

Unha reflexión sobre “O Polígono da Barbanza sometido a información pública

  1. Jorganes

    Esta semana témonos dirixido ao Concello para consultar o citado proxecto. Alí deixáronnos velo, máis non eran quen de facilitarme unha copia. Dixeron que poderían facilitar copias de páxinas puntuais, mais en ningún caso de todo o proxecto. Ademais, para facilitarnos as copias de páxinas puntuais teríamos que facer unha instancia ao Alcalde.

    Despois, témonos dirixido telefonicamente á Consellería de Vivenda e solo para solicitar unha copia (a ser posible en formato dixital) do Proxecto Sectorial e Informe Medioambiental do Parque Industrial da Barbanza, e dixéronnos que non a ían a facilitar.

    Nos consta que a información que temos solicitada está dispoñible en formato dixital, e polo tanto facer unha copia da mesma sería extremadamente doado.

    Entendo que en ámbolos dous casos estase a vulnerar a lei e o mesmo proceso de información pública de Proxecto e do Informe. Concretamente estanse a vulnerar os artigos 3 e 11 da Lei 27/2006, de 18 xullo, que regula os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente.

    Da a sensación que tanto o Concello de Ribeira, como a Consellería de Vivenda e solo, están a agachar dita documentación, e que so a someten a información pública porque é así esixido pola lei. É lóxico pensar, que os cidadáns aos que nos coincide a xornada laboral cos horarios de consulta da documentación no Concello ou na Delegación de Vivenda e Solo, non podemos acceder a ela doadamente se non se facilita unha copia da mesma.

    En principio, nós non estamos en contra do Proxecto, pois a necesidade de chan industrial é moi grande na bisbarra da Barbanza; mais entendemos que a participación da cidadanía—baseada nunha información veraz e completa—pode contribuír á mellora do Proxecto dende un punto de vista ambiental.

    Polo tanto, rogamos que como representantes de gran parte da cidadanía no Concello de Ribeira, e como membros do partido político que ostenta a Consellería de Vivenda e Solo, insten a ambos organismos a que faciliten a información ambiental aos cidadáns que a soliciten.

    Responder

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *