Perplexidade inicial e sorriso final

Perplexidade inicial e sorriso final: é o que nos produce a “resposta” dada polo PP de Ribeira logo da presentación en rolda de prensa das alegacións do BNG ao “anteproxecto para colectores xerais e EDAR de Corrubedo”. Perplexidade porque foi o propio Concello de Ribeira quén, coa publicación do correspondente anuncio no Boletín Oficial da Provincia o pasado 9 de xullo, abriu o prazo de vinte días para que calquera cidadán ou colectivo que o considere oportuno exerza o DEREITO de presentar diante da administración correspondente as propostas de mellora á obra que se presenta a exposición pública: eso son as alegacións. Dicir, como fai o grupo de goberno municipal que o BNG “chega tarde” porque o Concello xa as presentara antes, sendo como son coñecedores do prazo dos vinte días, converte o “chega tarde” nun lapsus no que se descobre que a tardanza á que alude o goberno municipal se refire “ao protagonismo” do que máis adiante nos acusa. E velaí a verdadeira preocupación do executivo local: o protagonismo.

Vexamos: no pleno do pasado maio, o BNG non só se pronunciou, como nega o Goberno local, senón que o fixo claramente anunciando que presentaría as súas propias alegacións que, en todo caso, serían complementarias, nunca contradictorias, con outras que se presentasen.

As alegacións do BNG inclúen, ademais das consensuadas en Pleno, algunhas relativas á calidade ambiental do Proxecto, á minimización das molestias aos veciños e veciñas de Corrubedo e á calidade paisaxística dun contorno, moi visitado. Refírense á diminución ao máximo da altura (cota) da EDAR, á minimización dos ruídos no exterior e proximidades da propia EDAR, á instalación de pantallas vexetadas así como á recuperación dos camiños afectados pola instalación.

As alegacións do BNG só pretenden propoñer a Augas de Galiza unha serie de melloras que todos e todas compartimos, pero só serán efectivas si se explicitan en tempo e prazo. Nós non temos culpa de que o Goberno Local “esquecera” introducir estas melloras nas súas alegacións. As preocupacións do executivo local polo que é un simple e democrático exercicio do dereito de alegación prodúcennos perplexidade e só se entenden polo interese en ocultar o seu “esquecemento” ou polo medo do Partido Popular a perder protagonismo diante da maioría social de Ribeira. A carencia de ideas deste Goberno é tal que cada vez máis recorre a actuacións a rebufo das iniciativas do BNG como quedou patente na recente convocatoria dun Pleno extraordinario, o último día, para a presentación de alegacións ao Plan Director de Instalacións Náuticas logo de que o BNG tivera levado a cabo unha campaña informativa e recollido varios centos de alegacións individuais de veciños e veciñas de Ribeira. Se daquela, nin agora, o BNG non criticou as alegacións aprobadas no Pleno, por que agora o PP critica as nosas? O dito, un sorriso.

Xosé Luís Groveiro
Concelleiro do BNG de Ribeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *