Laxe Brava: Espazo Natural de Interese Local

Solpor no Corgo

O BNG ven de presentar unha moción diante do Pleno do Concello pola que lle solicita ao Goberno Municipal que solicite da Consellería de Medio Ambiente a declaración de Espazo Natural de Interese Local para a franxa Costeira do Faro de Corrubedo a Punta Espiñeirido incluíndo o promontorio de Laxe Brava e o seu contorno. Este acordo conleva o compromiso do Concello para o cumprimento das condicións incluídas no decreto 124/2005 de 6 de Maio, nomeadamente o de elaborar o Plan de Conservación e de Uso Público deste espazo.

Ainda que estaba na orde do día do pasado pleno de xullo, por falta de tempo será debatida no vindeiro pleno de setembro. A xeito de resume indicar que esta figura de protección, que debe ser solicitada a iniciativa do concello diante da Consellería de Medio Ambiente, obriga á elaboración dun plano de conservación que será vinculante para as administracións, prevalece sobre o planeamento urbanístico e, de ser aprobada, obrigará, de ser o caso, á revisión dos planos de ordenación territorial e/ou SECTORIAL incompatibles con co plano de conservación.

O patrimonio público paisaxístico e natural constitúe un valor que os poderes públicos teñen obriga de preservar, recuperar e poñer en valor tamén como recurso xerador de capacidades productivas.

O Concello de Ribeira e o seu contorno conta con espazos públicos de altísimo valor ambiental algúns deles con diferentes figuras de protección recollidas na Lei Galega de Conservación (Lei 9/2001 de 9 de Agos-to) e outras. Si aceptamos que estas figuras de protección favorecen a sustentabilidade destes espazos e, polo tanto, tamén da súa capacidade de creación de riqueza na pesca, marisqueo, turismo…, debemos tamén asumir a responsabilidade do Goberno Municipal á hora de velar polo interese xeral da poboación promovendo, desde a legalidade vixente, as medidas de protección a espazos locais de recoñecido valor nos casos que desde outras administracións competentes non se atendan.

É coñecida a intención da Consellería de Pesca da Xunta de Galiza (avalada por informes da Consellaría de Medio Ambiente e de Política Territorial) de detraer do dominio público gran parte dos 308 000 m2 que pretende destinar, como concesión, a empresa privada de producción acuícola dentro do Plan Acuícola de Galiza que a mesma consellería promove. Desoíndo os centos de alegacións presentadas, incluíndo o propio Concello, a Consellería de Pesca fixo caso omiso da práctica totalidade dos sectores sociais e cidadáns de Ribeira mesmo amosando, sen rubor, flagrantes contradiccións fronte a alegacións si aceptadas noutros lugares como Seráns e Couso.

A Lei 9/2001 contempla como figura de protección a de “Espazo Natural de Interese Local”. O decreto 124/2005 de 6 de Maio, desenvolve esta figura que debe partir da iniciativa dos propios concellos que deberán elevar a proposta, cos informes e trámites precisos, á Consellería de Medio Ambiente. A declaración de Espazo Natural de Interese Local conlevará a elaboración dun Plan de Conservación de Promoción así como unha partida orzamentaria que poderá ser complementada con axudas doutras administracións para as que terán caracter preferente.

Iniciativa Municipal:
2008-07-30laxebrava_interese_local.pdf

Máis información:
LEI 9/2001, DO 21 DE AGOSTO, DE CONSERVACIÓN DA NATUREZA
Espazos naturais de interese local / Voutureira – San Cibrao das Viñas

One Comment on “Laxe Brava: Espazo Natural de Interese Local”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *