Ampliación dos servizos de socorrismo nas praias

O BNG de Ribeira demanda a ampliación dos servizos de socorrismo nas praias do noso concello

Reclamamos do goberno do PP de Ribeira, que amplíe as datas de permanencia nas praias dos servizos de socorrismo (con persoal e con recursos materiais e organizativos), tanto ao principio do verán como ao remate do mesmo e mentres as condicións climatolóxicas e afluencia de bañistas así o demanden para que non se repitan situacións de perigo e inseguridade nas mesmas

As praias do noso concello son elementos fundamentais de ocio da nosa cidadanía e polos de atracción turística. O noso concello conta con 6 praias que teñen o distintivo europeo da bandeira azul, indicativo que de conta cunha serie de servizos de calidade para atender aos usuarios e usuarias.

Unha das praias máis concorridas é a do Vilar por estar situada nun entorno natural excepcional. O pasado sábado 28 de xuño eran moitas as persoas que gozaban nesta praia cando se produciron varias situacións de emerxencia.

Houbo até 4 bañistas que estiveron en perigo porque os levaba a marea e tiveron que ser rescatadas da auga por outros/as bañistas xa que os servizos de salvamento do noso concello aínda non estaban operativos.

O noso concello, máxime nunha praia de especial perigo e de afluencia como é esta do Vilar, debe velar por ter as máximas medidas de seguridade e rescate nas praias.

Iniciativa municipal:
2008-06-30ampliacion_servizos_socorrismo.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *