O Delegado de Innovación e Industria en Oleiros, Ribeira

Concurrida xuntanza en Oleiros, Ribeira, coa presenza do Delegado da Consellaría de Innovación e Industria

O Delegado provincial cifrou en preto dun millón de € a cantidade que, dentro do Plan de Calidade, se investirá no Concello de Ribeira do 2005 ó 2009

Dentro dos actos do 25 de xullo que o BNG esta desenvolvendo por todo o País, o Delegado de Innovación e Industria, Xosé Luís Barcia, acompañado da voceira municipal do BNG de Ribeira, Dominga Brión, así como dos concelleiros Francisco Ayaso e Xosé Luís Groveiro e do responsábel Local, Xosé Alberte Lorenzo, reuníronse coa veciñanza da parroquia de Oleiros, no Concello de Ribeira.

Diante de preto dun cento de veciños e veciñas, o Delegado Provincial detallou importantes actuacións na rede eléctrica, xa realizadas ou en marcha, e que significarán importantes melloras no suministro eléctrico para varios lugares da parroquia que ate o momento padecían unha máis que deficiente situación. Luís Barcia, que enmarcou as melloras dentro da nova política do Goberno Galego e da Consellería de Industria, explicou ós e ás presentes que durante anos se detraeron fondos da mellora eléctrica no rural en beneficio de áreas periurbanas (Plans PER, MEGA) o que explicaba a deficiente situación que agora, co novo Plan de Calidade da Suministración Eléctrica de Galiza, a Consellería, que dirixe o nacionalista Fernando Blanco, quere rematar. O Delegado provincial cifrou en preto dun millón de € a cantidade que, dentro do Plan de Calidade, se investirá no Concello de Ribeira do 2005 ó 2009. Ó final da lexislatura a situación do suministro eléctrico no concello de Ribeira será “óptima”. Luís Barcia tamén se referíu ós Plans da Consellaría para a implantación da Banda Ampla no rural, que a Consellería pretende achegar ó cen por cen dos núcleos.

Na xuntanza os dirixentes locais do BNG informaron do traballo desenvolvido polo BNG que afectan á parroquia de Oleiros. Así, detallaronse as iniciativas presentadas para reclamar do Concello as acometidas de auga, hoxe moi avanzadas grazas ás reclamacións dos veciños e veciñas de Olerios a quén o BNG apoiou en todo momento. Tamén se informou das iniciativas levadas a Pleno polo BNG no referido ao sinal de TV, moi deficiente na parroquia de Oleiros así como noutros moitos lugares do Concello. A negativa do Grupo de Goberno do Partido Popular a realizar un estudo Técnico, para os que a Xunta de Galiza ten financiamento, causou asombro entre a veciñanza presente, sobre todo porque máis dun cento de concellos de Galiza sí o teñen feito.

O BNG anunciou a presentación de alegacións ás obras de saneamento que ten anunciado a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galiza para a posta en marcha da depuradora de Corrubedo. O BNG pedirá que esta obra se amplie incluíndo unha liña básica da que se poidan beneficiar posteriormente todos os núcleos da parroquia de Oleiros. Tamén instará ao Goberno do PP de Ribeira a implicarse nesta rede básica de saneamento, servizo no que a parroquia de Oleiros é a máis deficitaria do Concello.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *