…e seguen os cheiros en Ribeira

Prepotencia, soberbia e tempo perdido

Causa asombro a prepotencia coa que o Goberno Municipal trata á cidadanía de Ribeira. As queixas denunciando os abafantes e insalubres cheiros son numerosas, case continuas… e veñen de vello. Teñen polo menos tantos anos como os que o Partido Popular leva “gobernando” este Concello. Aínda que non tantas como as queixas, son igualmente numerosas as iniciativas do BNG reclamando actuacións que poñan solución ó problema, que as hai. Mesmo desde a oposición temos demostrado que é posible reducir e mesmo eliminar tan molesto problema. Sabemos que as causas son múltiples e, polo tanto, as solucións complexas, pero posibles. Por eso no pasado mes de outubro, o Grupo Municipal do BNG presentou diante do Pleno da Corporación unha moción que instaba ó Goberno a realizar, a través de empresa competente, “un estudo técnico da situación da rede de sumidoiros (...) para determinar as causas dos cheiros. Este estudo incluirá as medidas correctoras que se propoñen para minimizar as molestias existentes”.

Para a sufrida cidadanía ribeirense pode parecer incrible pero o PP negouse a aceptar a proposta porque, coma sempre, “xa estamos neso”. Nin que dicir ten que se fixeron actuacións na rede de sumidoiros que, outra vez, resultaron ineficaces. Os cheiros volveron ás napias dos residentes e ás páxinas dos xornais anunciando ós catro ventos a incompetencia dos gobernantes locais.

A proposta do BNG era dabondo flexible e aberta como para ser aceptada. A súa aprobación sería un primeiro paso para realizar un estudo serio imprescindible de cara á solución do problema e para non seguir dando paos de cego como está a facer desde hai anos o Goberno local. Un estudio que sinale as deficiencias, a forma de corrixilas e mesmo o orzamento necesario para levalas a cabo. Deste último apartado poderíase indicar, por que non?, a necesidade de participación financeira por parte doutras administracións aínda que para eso fose preciso modificar a actual política de confrontación por outra máis efectiva de negociación e xestión.

Resulta sorprendente que, logo do último episodio pestilente e das cada vez máis serias protestas cidadás, o Goberno Local anunciase “a contratación a unha empresa especializada dun informe (estudio técnico) e que ó mesmo tempo ofreza as solucións (medidas correctoras) a este problema” En fin, aquela proposta do BNG é agora, nove meses (perdidos) despois asumida polo Goberno “popular” á caladiña, non vaia ser que a xente descubra a fedorenta prepotencia e a pestilente soberbia que abrollan dos sumidoiros municipais.

Por eso moito nos tememos que o primeiro obxectivo desta ultima actuación do Goberno do Partido Popular sexa antes aplacar os berros que evitar os cheiros.

Xosé Luís Groveiro
Concelleiro do BNG de Ribeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *