En apoio do sector pesqueiro de Ribeira

Xuntanza co sector pesqueiro

O BNG de Ribeira presentou en Pleno unha iniciativa na que reclama que se adopten unha serie de medidas para apoiar a este sector estratexico para a economía de Ribeira e do País. Son as seguintes:

A) Que o Pleno solicite da Xunta de Galiza:

1. Seguir impulsando os proxectos de innovación tecnolóxica como o “peixe verde” dirixidos a acadar un aforro enerxético que permita a substitución dos combustíbeis tradicionais nas nosas embarcacións.

2. Continuar apostando polas marcas de calidade dos nosos produtos pesqueiros, co obxecto de acadar unha mellor diferenciación e xerar maior valor engadido.

3. Incrementar os incentivos para unha mellor identificación da orixe dos produtos.

4. Incrementar as campaña de promoción do consumo de peixe.

5. Redución das taxas portuarias nos portos galegos.

B) Que o Pleno solicite a Xunta de Galiza que inste ao Goberno do Estado:

1. Impulsar medidas urxentes de carácter económico para contribuír ao fomento da competitividade das empresas e á estabilidade no emprego.

2. Modificación da normativa 1999 de identificación e etiquetaxe para unha mellor identificación da orixe dos produtos pesqueiros galegos, así como o incremento das medidas de control e inspección dos produtos pesqueiros.

3. Impulsar a aplicación á gasolina do mesmo tratamento fiscal que ao gasoil profesional, co obxecto de favorecer ás 350 embarcacións de Ribeira e máis de 1.800 unidades pesqueiras da nosa costa.

4. Axilizar as ordes de paralización temporal a fin de que as empresas poidan dispor con antelación da previsión das mesmas e coñecer as cantidades a percibir por armadores e mariñeiros.

C) Que o Pleno solicite ao Goberno galego a que inste do Goberno do Estado para a súa defensa diante da UE:

1. A defensa da utilización do Fondo Europeo da pesca no vindeiro Consello de Ministros de Pesca para facer fronte aos efectos da crise derivada do prezo dos combustíbeis.

2. Incrementar o control sobre as importacións dos produtos pesqueiros, garantindo o cumprimento dos mesmos da normativa hixienico-sanitaria existente no seo da Unión Europea.

3. A modificación da normativa que regula os prezos de retirada co obxecto de beneficiar aos produtores e traballadores do mar.

O sector pesqueiro en xeral e o de Ribeira en particular atravesa unha grave crise froito da suma dunha serie de factores que reducen a súa capacidade produtiva, o desenvolvemento do seu labor e os seus ingresos económicos con perdas que converten as saídas ao mar en operacións que ocasionan máis gastos que beneficios. Isto, unido á falta de medidas por parte do Goberno do Estado para paliar as súas consecuencias negativas é o que levou ao sector a realizar paros, a amarrar a frota tanto de altura como de baixura como mecanismo último de protesta e reivindicación ante a súa situación.

Un dos problemas que máis afecta ao sector é o desmesurado incremento do prezo dos combustíbeis que está en máximos históricos. Este problema non é só do gasóleo senón tamén da gasolina. É certo que se están producindo avances, pero até o momento non se lle está aplicando o mesmo tratamento fiscal que xa ten o gasóleo, pese a estar en vigor dende hai moitos anos. En Ribeira hai máis de 350 embarcacións das 1.800 que aproximadamente existen no país que utilizan gasolina (marisqueo a frote, baixura, percebe, etc.) que están sufrindo as consecuencias da situación de discriminación que está padecendo o sector da baixura galega.

Outro dos problemas que contribúen á situación de crise é a caída do prezo en lonxa, moi lonxe dos prezos que os/as consumidores/as pagan no mercado. É preciso traballar na comercialización, dándolle máis valor en primeira venda ao peixe e marisco, elevando así tamén as rendas dos mariñeiros e mariscadores/as. A chave é tamén a identificación da orixe dos nosos produtos. Algunha das medidas concretas a implementar pasan polo establecemento de prezos mínimos de referencia, por especie.

Tampouco debe obviarse o tema das descargas de especies pesqueiras. Debería levarse a cabo un maior control, pois o problema das descargas ilegais ten unha alta incidencia nos descensos dos prezos en lonxa. Na mesma liña, deberían intensificarse os controis e análises hixiénico-sanitarios os produtos pesqueiros procedentes de terceiros países, de xeito que cumpran as mesmas normas e medidas que se aplican os nosos produtos pesqueiros.

Iniciativa Municipal:
2008-06-20-crise-sector-pesqueiro.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *