Urxe o arranxo da Rúa do Outeiro en Carreira

Rua do Outeiro

O BNG reclama ao Goberno Municipal que axiña proceda ao arranxo da rúa do Outeiro en Carreira

A devandita rúa que discorre polo lugar do Outeiro en Carreira, fai case un ano que se atopa cunha enorme fochanca de dimensións considerables, froito dunha rotura da tubaria do saneamento ao intentar soterrar o cableado eléctrico.

A veciñanza do lugar demandou en numerosas ocasións ao Goberno Municipal que se arranxara a situación porque os estaba a prexudicar enormemente. Por parte do goberno do PP, como na maior parte das ocasións mírase para o lado facendo caso omiso das demandas da cidadanía.

Como ben se dixo antes, o socavón que alí hai é de considerables dimensións, o que supón un risco para os vehículos que circulan, para os paseantes que percorren a rúa, e como non para os/as veciños/as do lugar que alí residen. Estase a falar de case un ano convivindo con este estorbo, e neste tempo o único que fixo o Concello foi colocar unhas chapas de ferro sobre os buratos, unhas placas que cada vez que pasa un vehículo por enriba delas emiten un ensordecedor ruído que impide conciliar o sono ás xentes dos arredores, moitos deles maiores e enfermos.

A este problema súmase o dos numerosos atascos que se están a provocar na rede de sumidoiros, o que leva a ter que soportar uns cheiros constantes e a diario por parte dos residentes e viandantes.

O Goberno debería de asumir ese arranxo, correspóndalle a Fenosa ou a Aguagest, e logo saldar as contas con quen sexa responsable, e non agardar como sempre a que poida acontecer calquera situación non desexada e que logo teñamos que lamentala.

Dende o BNG, e chamados en varias ocasións por estes/as veciños/as, queremos sumarnos a eles denunciando esta situación e lembrándolle a este grupo Municipal do PP que está ocupando ese lugar de Goberno para resolverlles os problemas á cidadanía e para facer as súas vidas máis levadeiras, e non o contrario como esta a facer a cotío.

Iniciativa municipal:
2008-06-02arranxoruaenouteiro.pdf

Nova no Canal Rías Baixas:
Veciños da rúa de Outeiro esixen que se arranxe a vía de acceso ás vivendas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *