Encontro co sector pesqueiro de Ribeira

Xuntanza co Sector Pesqueiro

Representantes do BNG e do sector pesqueiro de Ribeira analizaron na capital da Barbanza a situación crítica pola que está pasando o sector

O BNG de Ribeira, coñecedor das dificultades que está atravesando o sector pesqueiro, ven de celebrar un encontro coas directivas das asociacións de todo o sector o pasado mércores, día 18 de xuño, ás 20 horas na sede do BNG de Ribeira.

A esta reunión asistiu o deputado Bieito Lobeira, a portavoz municipal, Dominga Brión, e os concelleiros Xosé Luís Groveiro e Francisco Ayaso. Por parte do sector estiveron os patróns maiores das confrarías de Ribeira, Aguiño e Palmeira e o presidente da Agrupación de Mariscadores de Ribeira; o presidente e varios membros da Asociación de Arrastreiros de Ribeira, o presidente de Orpal e o do Cerco, tamén en representación da Cooperativa do Mar.

Nesta xuntanza analizouse a situación crítica pola que está pasando o sector, consecuencia do incremento do prezo dos combustíbeis e especialmente da baixada dos prezos en primeira venda.

Fíxose fincapé, por parte do BNG, no importante número de embarcacións que utilizan gasolina e ás que non se lle está aplicando até o momento ningún tipo de rebaixa fiscal. Neste senso, a insistencia do BNG está dando os seus froitos, pois este combustible, utilizado pola meirande parte da frota artesanal galega, en breve terá unha importante rebaixa, rachando cunha situación de discriminación que leva padecendo durante moitos anos.

Con todo, faise necesario extender sistemas de propulsión que abaraten os custos de combustíbel. Exemplos poden ser o do gas licuado, motores de aforro enerxético, de catro tempos, etc., polos que está apostando a Consellería de Innovación e Industria.

Tanto o BNG como o sector concordaron na necesidade de traballar máis en mellorar a comercialización, dándolle máis valor en 1ª venda ao peixe e marisco. Establecer prezos mínimos de referencia por especie, controlar as importacións ilegais de peixe, establecer estrictos controis veterinarios e mellorar a etiquetaxe para poñer en valor os nosos productos, foron algunhas das cuestións que se barallaron.

Os representantes do sector tamén puxeron enriba da mesa outras problemáticas como, por exemplo, a competencia desleal que lle supón para o cerco a frota portuguesa ou a situación critica que están pasando a frota en Mauritania.

Finalmente concordouse na necesidade de pór en marcha un paquete de medidas de choque, por parte do Estado español e a Unión Europea (administracións competentes) en materia fiscal e de axudas, non como unha solución definitiva senón como un alivio transitorio. En todo caso, para o BNG a solución non pode pasar por facilitar e subvencionar o despece da frota.

Nova no canal Rías Baixas:
O BNG considera que si hai alternativas para palia-la crise do sector pesqueiro

5 Comments on “Encontro co sector pesqueiro de Ribeira”

  1. ¿Para cando nos convocades a todos (Lobeira incluído) e nos sentamos a falar da Acuicultura e de cómo ides a parar o Plan Sectorial da Xunta?

    Facer populismo barato está moi ben, pero tamén hai que facer frente ás decisións complicadas. E nesto, estades a fallar.

  2. Vaia, vaia… mira que despiste teño conmigo! Pensei que era o PSOE quen estaba a fallar. Mira tí por onde que me parecía que na Consellería de Pesca gobernaba o PSOE igual que en 10 das 15 consellerías da Xunta. Que alegría me acabas de dar, Dordo. Se o BNG ten maioría no Consello da Xunta seguro que ese Plan Sectorial de Acuicultura tal como está non vai para diante.

  3. Coido que esta é unha boa estratexia: primeiro votamos polo PP (xa sei que ninguén vota por eles pero aínda así é o partido máis votado) ou polo PSOE (2º máis votado). Lembremos que o BNG só ten 13 deputados/as de 75. Logo, cando fan das súas uns e máis os outros dámolle a caña ao BNG.

    En todo caso, pareceme acertado que se faga unha xuntanza para falar do Plan Acuícola (aínda que sería máis lóxico que lla pediras ao PSOE ou a súa Conselleira Carmen Gallego que é a responsábel do enxendro); pero decir que unha reunión co sector pesqueiro é facer populismo barato paréceme que está fora de lugar e ademais considero unha falta de respecto a un sector que o está pasando moi mal.

  4. Estou dacordo con Dordo, se o Bloque se xunta co PP que tamén está en desacordo co Plan Acuicola, podeno votar abaixo no parlamento. Pero tamen esto de acordo con Dana que aqui quen falla é o Psoe.

  5. quedo intrigado pola carta de Dordo. ¿Como se pode parar o Plan Acuicola? ¿Que tería que facer o bloque? Xa sei que Pesca é do SOE pero non estaría mal que Dordo explicase algo máis a sua opinion. A min interesame mais ven o de corrubedo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *