Día da Dorna, Festivo Local

Festa da Dorna 07

O BNG quere que a Festa da Dorna sexa de Interese Turístico Estatal e sobre todo quere que o 24 de Xullo, día da Dorna, sexa Festivo Local.

É reiterado o apoio que ten dado e dará o BNG á Festa da Dorna, por ser unha das festas máis creativas, participativas e implicadoras da cidadanía.

A Orden pola que se regula a declaración de festas de interese turístico estatal, establece que unha Festa de Interese Turístico Galego (como é o caso da Festa da Dorna), para ser declarada de Interese Turístico Estatal ten que cumprir varios requisitos entre eles: levar cando menos 5 anos seguidos sendo de Interese Turístico Galego, que se acorde no Pleno do concello esta solicitude e se emita un informe da Xunta de Galicia, concretamente da Dirección Xeral de Turismo.

A Festa da Dorna é de interese Turístico Galego só dende 2005, declaración que se conseguiu en plena campaña electoral das autonómicas. Unha mágoa que o PP, 16 anos gobernando, non atendera antes o clamor de todos os dorneiros e dorneiras. Agora, novamente en precampaña, o PP reclama no Parlamento unha distinción que até o 2010 non poderá conquerirse. Sen dúbida o BNG apoiará, no seu momento, esta Declaración de Interese Turístico Estatal.

O Pleno do Concello de Ribeira aínda non se pronunciou sobre este asunto. Sobre o que si debe pronunciarse a Corporación Municipal nestes momentos é sobre a iniciativa presentada polo BNG de declarar o día da Dorna festivo local. Ante esta repentina sensibilidade do PP pola festa da Dorna, confiamos que o verdadeiro e unánime apoio á festa saia, en forma de declaración de festivo local, do Salón de Plenos do noso concello. O demais son foguetes de 3 estalos.

Orden que regula a declaración de festas de interese turístico estatal:
ordenfestasintereseturisticoestatala21642-21643.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *