Denunciamos en Urbanismo a construción do Touro

Urbanización do Touro

O BNG ven de reclamar diante da Dirección Xeral de Urbanismo que os seus servizos técnicos comproben se a urbanización de 36 vivendas, que se está a construír no lugar do Touro, se axusta á actual normativa urbanística, especialmente no tocante a alturas, retranqueos, ocupación e edificabilidade.

De non ser así, o BNG demanda que se proceda á súa paralización inmediata e a restitución da mesma á legalidade vixente.

No lugar do Touro estase construíndo unha urbanización, a carón da estrada C7307 (de Ribeira a Aguiño por Castiñeiras), da que o BNG ten recibido numerosas queixas da cidadanía. Trátase dunha edificación de 6 bloques, cun total de 36 vivendas, nunha finca en parte afectada por costas.

O BNG xa presentou unha iniciativa diante do goberno do PP para que se fixeran as pertinentes comprobacións sen que, até o momento, obtivera resposta. Do mesmo xeito, tamén solicitou que se lle permitira examinar o expediente desta obra dando o goberno a calada por resposta, como xa ven sendo habitual dende principios de ano. 

Como é sabido, Ribeira conta cun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) sen adaptar á Lei do Solo tendo xa rematado o prazo establecido para facelo en xaneiro do 2006, pese ás súas deficiencias e as reiteradas demandas do BNG.

Pero, ademais, o PXOM, nunca será un instrumento eficaz por si só se o equipo de goberno non pon en práctica as necesarias medidas de control que verifiquen, por exemplo, que as obras realizadas se axusten ás licencias outorgadas. De non ser así produciranse graves incumprimentos e agravios comparativos. Son múltiples as queixas da cidadanía de Ribeira neste sentido.

Este descontrol urbanístico que está tendo o Goberno Municipal de Ribeira e a reiterada e ilegal política escurantista que está aplicando ao negarlle ao BNG o acceso aos expedientes de obras, é a principal razón que nos leva a acudir á Dirección Xeral de Urbanismo, para que, dentro das súas funcións de “dirección, planificación, impulso, xestión e coordinación das competencias que, en materia de urbanismo, ordenación do territorio e do litoral, que corresponden á consellería” e que se concretan, entre outras, no “fomento, seguimento e control da actividade urbanística”, faga as comprobacións que estime oportunas para garantir que a devandita urbanización se adapta á normativa vixente.

Iniciativa diante da D. X. de Urbanismo:
2008-05-21urbanizaciontouro.pdf

Iniciativa municipal

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *