Reclamamos a separación de pluviais e fecais en Aguiño

O BNG reclámalle ao Goberno Municipal que se fagan os trámites necesarios e da maneira máis urxente posible, para que se proceda á separación de pluviais e residuais na parroquia de Aguiño

Son xa innumerables as ocasións en que diversas rúas de Aguiño sofren problemas de asolagamentos e cheiros por mor das choivas. Así, podemos falar da zona de Listres, as rúas do Carreiro e a de Castelao, e da meirande parte das zonas desta parroquia. A veciñanza demandou en numerosas ocasións que se lle dese solución ó problema que xera nesta zona a non separación de pluviais e residuais.

Con pequenas choivas as arquetas dos residuais levántanse, vertendo as augas fecais polas estradas, que en moitos dos casos chegan a colocarse nas portas da veciñanza residuos fecais que dan orixe a un pestilente cheiro, tendo logo estes veciños/as que proceder á limpeza das rúas.

Noutros casos, os propios residuos do alcantarillado público chegan a entrar nos aseos dalgunhas vivendas facendo que os botes sifónicos se levanten e se devolvan pola baixante augas que deixan un “aroma non grato” ademais de tóxico, no interior das casas.

Coas enchentes de auga circulan os residuos polas estradas, e como sempre van parar ó receptor universal de verquidos, o mar, concretamente, ás praias de Aguiño, sendo unha das máis afectadas a do Rebalo. É moi usual cando se da esta condición, ver unha mancha escura de grandes dimensións, sobre as verdosas augas do mar, isto non é outra cousa que eses residuos arrastrados polas correntes.

Tendo xa constancia este Goberno Municipal dos múltiples atrancos que a non separación de Pluvias-Residuais está a causar no Concello, e concretamente nesta zona de Aguiño, e cando se está falando da implantación dunha macrodepuradora na propia parroquia, non é de recibo que aínda non se tomaran medidas para dar solución a este problema, que por outra banda se presupón nese anteproxecto feito da depuradora que esta separación pluviais-residuais xa é algo efectivo e real en todo o Concello.

Iniciativa municipal:
2008-05-12separacionpluviaisaguino.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *