Balance dun ano de goberno

Dominga Brión

O PP ten un proxecto esgotado e a súa incapacidade de xestión está hipotecando o presente e o futuro de Ribeira

Dende o BNG traballaremos arreo para que a cidadanía puxante e dinámica de Ribeira conte cos servizos e infraestructuras que necesita e merece

Un ano despois das elección municipais, compre facer balance. Trátase do primeiro ano, pero da sexta lexislatura consecutiva que goberna en Ribeira o PP e da quinta do mesmo alcalde. A estas alturas, o que denota o goberno do PP de Ribeira e que ten un proxecto esgotado, cun equipo mediocre incapaz de abordar as importantes obras de infraestructura e a dotación de servizos que Ribeira necesita, como quedou patente nos orzamento do 2008, no que se recollen como obras máis importantes o matadoiro e a casa da xuventude, que quedaron pendentes do ano pasado. Isto está hipotecando o presente e o futuro de Ribeira, pese ao custo económico para a cidadanía que supón contar con dúas dedicacións exclusivas a maiores das que tiñan na anterior lexislatura.

A falta de xestión diante doutras administracións, cando non confrontación directa, supón a perda de investimentos e de dotación de servizos á cidadanía. A situación do porto e da lonxa, é unha boa proba. Tamén o é a carencia de servizos como a circunvalación, o matadoiro e a estación de autobuses ou a precariedade doutros, como é o caso do mercado municipal ou a situación da canceira municipal.

Mesmo non dubidan en rexeitar a dotación de servizos xestionados por nós: como é o caso da Galescola, que decidiron que non era necesaria a pesar de que as estatísticas din o contrario, e que foi solicitada por asociacións como a das Amas de Casa; ou do local ensaio, que optan por facelo con diñeiro municipal, renunciando a unha partida de máis de 120.000 € que Vicepresidencia poñía ao dispor da cidadanía de Ribeira.

Algo parecido intentaron co polígono industrial da Barbanza, dun millón de metros cadrados, para que non quedara en evidencia a súa incapacidade; durante máis de 20 anos de goberno popular non conseguiron nin un só metro de chan industrial. Algo que foi capaz de xestionar o BNG dende a oposición, nese compromiso de creación de emprego e riqueza que ten o BNG e que puxemos en práctica dende o goberno galego. Hoxe o Polígono da Barbanza é unha realidade en marcha a pesar do PP.

En materia de servizos sociais, a pesar do esforzo económico de Vicepresidencia, lévanse perdidos máis de 85.000€ do Programa ANTA de Vicepresidencia (para subvencionar o transporte adaptado). A falta de compromiso político tamén se visualiza nos preto de 50.000€ da axuda no fogar que tiveron que devolver por falta de xustificación, ou na carencia de servizos novidosos ás persoas maiores que existen noutros concellos e dos que carecemos en Ribeira: servizo de catering.

Unha falla de compromiso que tamén se deixa ver na cativa oferta cultural e de ocio propia do concello, especialmente na destinada a xente nova, que se sustenta grazas as iniciativas doutras administracións e entidades, que dende o goberno venden como propias. A situación das escolas, dos parques, da Casa da Xuventude, co risco real que existe de perder as subvencións, etc. tamén son claros exemplos.

Urbanismo

A estas alturas segue sen adaptar o PXOM á Lei do Solo, pese a que tiña que estalo antes de xaneiro do 2006. Temos un departamento de urbanismo que necesita mellorar moito para poder controlar que o que se constrúe se corresponde coas licencias outorgadas. Esta política ocasiona verdadeiras aberracións urbanísticas que propicia a especulación en contra dos intereses da maioría.

A isto hai que engadirlle a falla de transparencia e o escurantismo que está aplicando o goberno do PP dende principios de ano, agachando a información e impedindo o acceso aos expedientes de obra incluso téndoo solicitado por escrito dende hai máis de tres meses. Isto, ademais de conculcar a normativa vixente, dificulta o noso traballo de fiscalización.

Saneamento

A outra gran asignatura pendente. Ribeira conta cunha deficiente rede de saneamento que ocasiona problemas que se reflicten a diario en pestilentes cheiros en distintas zonas do concello, varias delas no propio casco urbano, e que quedou en evidencia o pasado día 14 de maio, pois 10 minutos de choiva chegaron para que se producira o desbordamento das alcantarillas nas rúas máis importantes do casco urbano de Ribeira. Pero outro tanto sucede en Aguiño e noutros puntos do Concello. Tampouco contamos con ningunha depuradora. Agardamos que iso cambie en breve grazas ao goberno da Xunta. Tivo que chegar un novo goberno para que se vexan proxectos para tratar augas residuais.

Afortunadamente, a pesar do goberno que temos, e grazas a intervención doutras administracións, a cidadanía de Ribeira conta xa con melloras importantes na rede eléctrica, co acceso ás novas tecnoloxías a través da banda ampla, melloras no caso urbano e n pistas rurais, etc.

Unha mágoa que se perda un tempo precioso que serviría para consolidar a Ribeira como capital da Barbanza. En todo caso, dende o BNG seguiremos traballando para que a cidadanía puxante e dinámica de Ribeira conte cos servizos e infraestructuras que necesita e merece.

Nova na Voz:
«O que denota o goberno do PP é que ten un proxecto esgotado»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *