Poñendo en valor o patrimonio etnográfico

O BNG ven de solicitarlle ao goberno do PP que actualice o Inventario Xeral de Bens Inmobles do concello de Ribeira, e que o oficialice mediante a aprobación en Pleno.

Na mesma iniciativa reclamamos que se elabore un Plan de mellora e mantemento do patrimonio etnográfico para evitar o deterioro de fontes, lavadorios, etc.

Tamén demandamos que se dea cumprida difusión aos elementos máis característicos deste patrimonio a través de sinalización, publicación de folletos, catálogo na web municipal, etc.

Existe nas dependencias municipais un documento denominado “Fichas, planos e cartografía do inventario xeral dos bens e dereitos correspondentes a esta corporación” confeccionado con referencia ao 31 de decembro de 2001. No mesmo aparecen reflectidos os bens inmobles tanto urbanos como rústicos que ten o noso concello. Así pois neste documento plásmase a cartografía, fotografía e fichas con datos de interese sobre todos os bens que ten o nos concello. Estes van dende parques, instalacións deportivas, equipamentos culturais, ata o edificio da casa do concello. Inexplicablemente este “Catálogo Patrimonial” está sen aprobar en Pleno e xa leva máis de 6 anos elaborado.

Asemade, tamén forman parte deste catálogo as fontes, lavadoiros, cruceiros, etc., é dicir, toda a riqueza patrimonial que temos no noso concello. Dende o BNG parécenos moi importante recuperar, poñer en valor e difundir todo este patrimonio etnográfico que representa un elemento propio da nosa forma de ser e por suposto un atractivo turístico.

Lamentablemente moitos destes elementos están esmorecendo e deteriorándose, sen ter un plan de mantemento que os manteña e difunda.

Iniciativa municipal:
2008-5-15plandifusionpostavalorpatrimonioetnografico.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *