Solucións aos pestilentes desbordamentos

O BNG de Ribeira solicitalle ao Goberno do PP que explique as actuacións levadas a cabo ate o día de hoxe para dar solución aos cheiros e desbordamentos de fecais en Rosalía Castro, Xeral Franco e en García Bayón (Praza da Concordia) de Ribeira

Tamén lle reclama información sobre as medidas que, dada a persistencia dos problemas, ten previsto levar a cabo neses mesmos lugares e en que informes técnicos se basean as actuacións levadas a cabo ou previstas

Logo de medio ano de que o PP rexeitase unha proposta do BNG para pór solución ós cheiros no casco urbano de Ribeira, os problemas seguen. Acusamos ó Goberno do PP de dar paus de cego e denunciamos a súa incompetencia para dar solución a este vello problema.

E ás probas nos remitimos, dez minutos de choiva torrencial foron suficientes pouco despois das tres da tarde do mércores para que as tapas dos sumidoiros das rúas Rosalía de Castro e Xeneral Franco se desbordasen e todo tipo de residuos fecais se esparcisen por elas deixando un regueiro de lixo e un rastro de pestilente cheiro.

No Pleno do Concello celebrado o pasado 26 de Novembro, o Grupo de Goberno rexeitou unha iniciativa do BNG no que se instaba a que “O Goberno Municipal realizara un estudo técnico da situación da rede de sumidoiros na zona de Rosalía Castro con Xeneral Franco así como na do Parque García Bayón – Pza. da Concordia para determinar as causas dos cheiros. Este estudo incluirá as medidas correctoras que se propoñen para minimizar as molestias existentes”.

Como manifestamos no mencionado Pleno, a xa longa duración do problema e a demostrada incapacidade deste Goberno para poñer solución require dun estudo serio e rigoroso desde o punto de vista técnico que sinale as actuacións a levar a cabo.

Como lle consta a este Grupo Municipal que nestas zonas se teñen realizado actuacións por parte do Goberno Local, parece lóxico pensar que ou ben foron insuficientes ou ben non foron as acertadas: non será dando “paus de cego”como se porá fin a este grave problema.

Pese a que polos responsables municipais se recoñeceu a gravidade do problema e a súa longa persistencia no tempo, a moción do BNG foi rexeitada en base a argumentacións tales como: “os técnicos están neso”, “estámolo solucionando”, “co vento saen olores pero imos poñer sifóns” ou “imos limpar o río de Rosalía Castro”.

O pasado 14 de maio, unha simple chuvieira de a penas 10 minutos volveu poñer en evidencia, medio ano despois de rexeitar a nosa proposta, que a situación segue igual nos mesmos lugares e especialmente na confluencia de Rosalía Castro con Xral. Franco onde volveron a desbordar augas fecais para desesperación da cidadanía.

Iniciativa municipal:
2008-05rebosamentosfecais.pdf

Nova relacionada na Voz:
2008-05rebosamentosfecais.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *