Vivenda destina 5,1 M. € á erradicación do chabolismo

A CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO DESTINA 5,1 M. € EN 2008 Á LIÑA DE AXUDAS DESTINADA Á ERRADICACIÓN DO CHABOLISMO

 A subvención pode acadar o 80% do orzamento protexible no caso de adquirir ou construír unha nova vivenda

 No caso de realoxos en vivendas de aluguer a subvención pode chegar ata o 80% do renda mensual cun límite de 300 € por vivenda

Santiago de Compostela, 15 maio 2008.- A Consellería de Vivenda e Solo, que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, dedica 5.168.400 € en 2008 para a liña de axudas destinadas á erradicación do chabolismo a través de convenios de colaboración asinados cos concellos galegos. O Consello da Xunta deu hoxe o visto bo á orde que contempla estas axudas, que entrará en vigor nos próximos días unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Estas axudas van destinadas a subvencionar actuacións emprendidas tanto polos propios chabolistas como polos concellos. No caso de que o chabolista promova a construción da súa propia vivenda a subvención acada o 50% do orzamento protexible e se adquire unha vivenda nova ou usada chega ao 30% do custe da adquisición.

Cando son os propios concellos, ou outros promotores públicos, os que adquiren vivendas novas ou usadas a subvención pode acadar ata o 80% do custo de adquisición en municipios con menos de 50.000 habitantes, e ata o 65% do custo de adquisición en municipios de 50.000 ou máis habitantes. Neste caso, as vivendas adquiridas serán adxudicadas aos chabolistas en réxime de aluguer e transcorridos 2 anos poderán ser transmitidas en propiedade.

Outra posibilidade é que os concellos busquen vivendas en aluguer para o realoxo dos chabolistas, neste caso a Consellería subvenciona ata o 80% do custo do aluguer da vivenda en municipios de menos de 50.000 habitantes e ata o 65% en concellos de 50.000 ou máis habitantes. A contía máxima da subvención é de 300 € por vivenda e o período da subvención non superará os 3 anos, agás casos excepcionais, xa que o obxectivo final desta actuación é a integración social dos chabolistas.

Solicitudes

En ambos casos, tanto as solicitudes de particulares como dos concellos, deberán xestionarse a través dos consistorios e serán estes os que presenten as solicitudes ante as delegacións da Consellería de Vivenda e Solo en cada unha das catro provincias galegas.

Acompañando ao impreso de solicitude, os concellos deben remitir os censos debidamente cubertos, a proposta das actuacións a realizar para facilitar o aceso á vivenda, o plan de integración social dos chabolistas, o saneamento da área de actuación e un esquema dos recursos que achegarán ambas administracións – Consellería e concello -.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *