Solicitamos a gasificación de Ribeira

O BNG solicitalle ao Pleno e á Xunta de Goberno Local que se dirixa ao Ministerio de Industria, Turismo e Comercio demandándolle que axilice a resolución e aprobación das retribucións precisas para a execución das actuacións de gasificación conveniadas entre a Xunta de Galiza e a empresa Gas Galicia para dotar deste servizo, entre outros, ao noso concello.

No mes de xuño do pasado ano, o conselleiro de Innovación e Industria, o nacionalista Fernando Blanco, asinou un convenio de colaboración coa empresa Gas Galicia coa fin de desenvolver a cuarta fase do plan de gasificación de Galiza.

O convenio ten como obxectivo ampliar e mellorar as infraestruturas da rede gasista para garantir a subministración de gas natural naqueles concellos cuxo potencial de desenvolvemento se considera prioritario. Cun investimento de máis de 18 millóns de euros a intención é levar o subministro de gas natural a 25 concellos, entre eles ao noso. Esta cuarta fase do plan de gasificación de Galiza a desenvolver durante os vindeiros catro anos permitirá a construción de 100 quilómetros de redes e ramais de distribución industrial e doméstico-comercial, creando máis de 39.000 puntos de conexión así como a distribución de gas a diferentes polígonos industriais, entre eles o de Xarás, en Ribeira.

A Consellaría de Innovación e Industria pretende con este acordo favorecer a gasificación de zonas nas que a retribución específica do Ministerio e os fondos públicos da Administración autonómica, que poderá achegar un máximo do 30%, aseguran a rendibilidade dos investimentos nas redes de distribución a estes núcleos nos que, doutro xeito, sería inviábel economicamente. É este un dos requisitos esixidos polo Ministerio de Industria para conceder unha retribución específica para as empresas que queiran acometer a gasificación de núcleos de poboación que non dispoñan de gas natural, coma o noso. Para conceder a devandita retribución, que pode chegar como máximo aos 18 millóns de euros por proxecto, tamén se esixe que as empresas subscriban convenios de colaboración coas comunidades autónomas para acometer a gasificación, acordos que o Goberno galego xa asinou hai agora case un ano.

No entanto, e transcorrido todo este tempo, o certo é que o desenvolvemento e execución das actuacións previstas están paralizadas diante da pasividade do Ministerio de Industria que aínda non adoptou ningunha decisión respecto das retribucións das que depende o inicio das actuacións e que polo tanto o noso concello poda dispor deste servizo nos vindeiros anos.

En definitiva, fronte ao esforzo, a vontade e o compromiso do nacionalismo desde a Xunta de Galiza por avanzar na gasificación do país, atopámonos cunha dilación e parálise inxustificada desde o Ministerio de Industria que prexudica claramente aos veciños e veciñas do noso concello.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *