Laxe Brava. Coherencia, teatro e varas de medir

Solpor no Corgo

É evidente a inquietude que suscita na sociedade de Ribeira – e Barbanza- a posibilidade de que o valiosísimo contorno do Faro de Corrubedo se vexa seriamente danado por unha actuación que a Consellería de Pesca (PSOE) da Xunta de Galiza pretende levar a cabo dentro da súa proposta de Plano Galego de Acuicultura (PAG): o Parque nº 9 de Laxe Brava. Acorde a esa preocupación na cidadanía, os grupos políticos téñense manifestado en diferentes ocasións sobre este asunto con diferentes graos de coherencia, eso si. Lembremos, sequera brevemente, a anterior proposta do PP no Goberno da Xunta que, entre outras, sinalaba unha actuación a carón de Corrubedo, en Punta Corvos, similar en extensión á actual de Laxe Brava. Lembremos tamén que, moi recentemente, este mesmo partido, diante das críticas suscitadas polo actual PAG, reclamaba do actual Goberno Galego “a volta ó Plano anterior”. A última das “actuacións”, até agora, foi a proposta do Partido Popular instando no Parlamento Galego “ a suprimir do PAG o Polígono de Laxe Brava”. Como queira que esta “proposta” foi rexeitada polos grupos do Goberno, o PP pretende “demostrar” con esto a incoherencia do BNG por pedir en Ribeira o que rexeita en Santiago. Calquera puidera, erroneamente, pensar que hai nesto algo de razón. Por eso convén, por se interesa coñecer a verdade, explicalo.

Pensar que a aprobación no Parlamento da proposta do PP suporía a desaparición de Laxa Brava do PAG é un erro que só pode crer por ignorancia (comprensible por descoñecemento do proceso de tramitación do PAG) ou por inocencia (por crer sincera unha proposta de quen xa leva tres diferentes presentadas nos últimos tempos).

A tramitación da actual proposta de Plan de Acuicultura presentada pola Consellería de Pesca (actor principal, por outra parte) non require máis que ser feita pública para alegacións, recibir os correspondentes informes sectoriais –neste momento está pendente de informe da Consellería de Medio Ambiente- e ser aprobado polo Consello da Xunta para a súa posta en marcha efectiva. Non precisa pois de ningún trámite parlamentar, polo que, de producirse algunha intervención do Parlamento neste sentido, non tería ningún valor legal e, polo tanto, ningún efecto sobre o que, aparentemente, a proposta persegue. Se esto o coñecen ben os propoñentes, cal é a súa intención ó presentala? Lisa e llanamente provocar un “conflicto” entre as dúas forzas que sustentan o goberno e nada que ver, polo tanto, coa defensa real de Laxe Brava. Nin que dicir ten que na seguinte fase de tramitación, a aprobación no Consello da Xunta, a correlación actual de forzas non permitiría frear a aprobación do PAG tal como está, aínda ca oposición do BNG. Ese non é o camiño, polo tanto.

Para o BNG, en Ribeira e en Santiago, a solución pasa por “convencer” á Consellería de Pesca, e si se quer á parte política que a sustenta, do erro que suporía para todo o goberno galego, o mantemento do Parque Acuícola de Laxe Brava no PAG. E convencer con argumentos, que os hai, sobradamente coñecidos e que nós resumimos en dous: pregarse ós intereses do capital privado ou defender o interese xeral da poboación.

Como dicía moi recentemente o Presidente da Xunta, “a actual proposta de PAG aínda pode recibir melloras”. Neste momento a Consellería de Medio Ambiente, que está a elaborar o preceptivo informe sectorial sobre esta proposta de PAG, tramita a Lei de Protección da Paisaxe de Galiza. Non sería comprensible que, co espírito da Lei xa presente, a mesma consellería dese a puntilla a un dos máis senlleiros valores paisaxísticos do noso litoral. De novo unha oportunidade real.

Máis alá do resultado da lea política, o que está en xogo, o que verdadeiramente importa á sociedade de Ribeira, e de Galiza, é a conservación do seu máis emblemático patrimonio natural. A defensa do contorno de Corrubedo a todos nos afecta. Cada quén é moi libre de xulgar a coherencia dos diferentes grupos políticos e mesmo de medila con distintas varas, pero pode honestamente aplaudir ó mesmo tempo a “actuación” do PP e a defensa de Laxe Brava?

Xosé Luís Groveiro
Concelleiro do BNG de Ribeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *