Reclamamos a fábrica de Castiñeiras para patrimonio público

Conservas Castiñeiras Ana Álvarez Dominga Brión

O BNG de Ribeira solicita que o Goberno do PP realice as xestión precisas para que o lugar no que se enclava a fábrica “Conservas Castiñeiras” pase a patrimonio público

Tamén demandamos que, entrementres, se tomen as medidas oportunas para evitar as molestias ocasionadas á veciñanza de Castiñeiras e previr o perigo de posibles danos ou accidentes

O pasado 16 de xaneiro de 2008 aconteceu un incendio na antiga fábrica conserveira de Castiñeiras, na que non se rexistraba actividade dende hai tempo. O estado no que se atopa o edificio é de sinistro total. Como consecuencia deste estado prodúcense, especialmente en días de vento, ruídos de chapas, uralitas e outros, que provocan molestias á veciñanza. Estes materiais desprendidos son, ademais, elementos potencialmente perigosos que poderían ocasionar danos ou accidentes ás persoas e aos vehículos que transitan, xa que esta fábrica está a carón de casas e da estrada xeral.

Por outra banda, Castiñeiras é unha parroquia que ten unha carencia de espazos abertos e de uso público. O concello é responsable de proporcionar este tipo de espazos polo que debera facer o esforzo de suplir esta carencia. O lugar que ocupa agora esta fábrica –recollido no PXOM como Polígono 28 cunha superficie total de 13.600 m2 -, é o ideal para dotar á veciñanza desta parroquia deste tipo de espazos.

Cabe lembrar que esta conserveira xa recibiu fortes investimentos públicos; concretamente para a dotación de maquinaria a Administración fíxolle unha achega de máis de 7 millóns de € do erario público. Dende o BNG consideramos que a adquisición deste solar é a mellor maneira de conservar o noso litoral evitando posibles usos de especulación urbanística nun entorno tan privilexiado para o ocio e esparcimento de toda a cidadanía.

Iniciativa Municipal:
2008-05-2conservascastineiras.pdf

Nova no Canal Rías Baixas:
O BNG solicita a recuperación da fábrica de Castiñeiras como área de lecer
Nova na Voz:
O BNG reclama que a fábrica de Castiñeiras pase a patrimonio municipal para evitar a especulación

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *