O PP rexeita en Pleno a moción do BNG sobre a TDT

O Grupo de Goberno do PP de Ribeira rexeita a proposta do BNG para a realización dun estudo de cobertura da TDT no noso Concello.

De irresponsable e falta de interese, só así se pode cualificar a actitude do Goberno Municipal do Partido Popular de Ribeira. A proposta presentada polo BNG diante do Pleno instaba a:

1.- Que o Goberno Municipal realice un estudo técnico de cobertura da TDT no Concello de Ribeira coa determinación das necesidades de equipamentos para proporcionar cobertura a todos os núcleos de poboación do noso concello.

2.- Que o Goberno Municipal xestione ou proceda á instalación por propia iniciativa dos equipamentos precisos que o estudo técnico determine para proporcionar cobertura a todos os núcleos do concello.

Na exposición deixamos claro as coñecidas as deficiencias na recepción da TV analóxica que diversas zonas do concello de Ribeira padecen desde hai moitos anos, nomeadamente amplas zonas das Parroquias de Oleiros, Artes, Olveira e mesmo do centro urbano de Ribeira. Criticamos o desinterese do Goberno do PP de Ribeira por non ter solicitado as axudas que o Goberno Galego (a través da Secretaría Xeral de Comunicación) concede xa desde os tres últimos anos, ós concellos para a realización de estudos de Cobertura e instalación de equipamentos nos seus ámbitos. Tamén expuxemos o serio risco de que, ó remate do período de transición á TDT, en abril de 2010, estas mesmas zonas queden sen cobertura de tv Dixital, situación que só un estudo serio, e a aplicación das medidas que este determine, pode evitar.

Sorprendeunos a resposta do Grupo de Goberno no sentido de “agardar a que a situación mellore proximamente” [co avance do Plan Galego de transición á TDT] e mesmo no de que, sendo así, “retirásemos a moción”. Pero máis sorprendente se cabe foi o ofrecemento do Sr. Alcalde para transaccionar a nosa moción no sentido de “realizar o estudio ó remate da instalación da Rede primaria”, é dicir, pospoñer o estudio para dentro de dous anos (Abril de 2010) porque “non ten sentido facelo antes” (!!).

De nada serviron os argumentos expostos polo BNG, a saber:

– O Plan Técnico de Transición á TDT recomenda ós concellos a realización de estudos nos seus territorios.

– A propia RETEGAL prevé a existencia de deficiencias de cobertura nas zonas mencionadas ó remate da instalación da rede primaria e mesmo recomenda a instalación de “encheocos”.

– Ducias de concellos galegos se beneficiaron xa das axudas que o Goberno Galego concedeu en tres convocatorias (anos 06, 07, 08) para a realización de estudos de cobertura (arredor de 2.000 €) así como para equipamentos (entre 7.000 € e 12.000 €). O Concello de Ribeira nin as solicitou.

O BNG, por sentido de responsabilidade diante da cidadanía que leva anos padecendo unha inxusta situación de deficiente cobertura do sinal de Tv, non podía aceptar a proposta do PP, infundada e teimuda, que de feito suporía alongar esta situación canto menos tres anos máis.

Finalmente queremos manifestar que o BNG seguirá insistindo desde a súa posición de alternativa para que ningún núcleo do Concello de Ribeira fique sen este servizo público esencial que é a TDT. Empezando por esixir dos responsables municipais que reconsideren a súa posición e se leven a cabo as medidas propostas polo BNG que, independentemente do expresado no pleno, só precisan dunha decisión do Grupo de Goberno en resposta ás obrigas que teñen contraídas coa cidadanía de Oleiros, Artes, Olveira e do centro urbano de Ribeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *