Encontro parlamentar do BNG con cargos da Barbanza

X. L. Groveiro, Dominga Brión e Ana Álvarez Carlos Aymerich e Ana Pontón

CARLOS AYMERICH ASEGURA QUE XA SE NOTA EN TODA GALIZA QUE O BNG É ALTERNATIVA E QUE AS SÚAS POLÍTICAS ESTÁN A TRANSFORMAR A SOCIEDADE

O grupo parlamentar nacionalista mantivo hoxe unha reunión de traballo en Boiro con cargos orgánicos e institucionais da comarca do Barbanza

Boiro, 26 Abril 08.- O portavoz do grupo parlamentar do BNG, Carlos Aymerich, afirmou hoxe en Boiro que xa se nota en toda Galiza que “o BNG é alternativa”, pola posta en marcha de políticas diferentes e de transformación real e positiva da sociedade e estar a realizar un traballo serio e rigoroso en todo o País, como se pode apreciar na comarca do Barbanza, dixo.

O grupo parlamentar nacionalista trasladouse hoxe a Boiro para manter unha reunión de traballo con cargos orgánicos e institucionais da comarca e para avaliar as diferentes iniciativas emprendidas polo nacionalismo na zona, tanto dende as súas funcións no goberno como no Parlamento.

Durante unha rolda de prensa, Aymerich asegurou que logo de tres anos de lexislatura hai un balance claro que se pode presentar, do que o Barbanza tamén é un exemplo, da posta en marcha desas políticas diferentes que estaba demandando unha maioría da sociedade, “das que o BNG é garantía, algo que aínda se vai ver máis claro nos próximos meses”.

O portavoz nacionalista dixo que quedan moitas cousas por facer pero aí están as galescolas e centros de días, o incremento de chan empresarial, o traballo en Industria, en Cultura, etc., a aposta do BNG pola transformación do País malia as reticencias, sobre todo do PP, ás que se ten que enfrontar para sacar adiante os seus proxectos.

Castelao

Pola súa parte, a deputada Ana Pontón, que asume os temas da comarca no Parlamento, salientou, entre o traballo realizado dende o Cámara a prol da zona, a declaración BIC da casa de Castelao, un proxecto que está a piques de rematar, que inclúe tamén a dixitalización e catalogación do seu legado, que, segundo dixo, vai ser moi importante para a difusión e o recoñecemento dunha figura como a de Castelao, polo que non entende as reticencias do concello de Rianxo e os atrancos a esta iniciativa.

Pontón tamén lamentou a actitude dos concellos da Pobra e de Ribeira que se opoñen á construción de galescolas nos seus municipios e de iniciativas como a que está a funcionar en Boiro, dun local de ensaio para grupos novos.

Para a parlamentar, a presenza nacionalista na comarca está a demostrar a capacidade transformadora que ten esta formación política e asegurou que se están a mudar moitas cousas e inercias que se viñan arrastrando de moitos anos de gobernos do PP.

A plasmación desta transformación pode verse, por exemplo, no incremento de chan industrial, máis de millón e medio de solo produtivo novo, ou en proxectos como o dos viños do Barbanza ou a regulación de usos da Serra.

A parlamentar concluíu agardando que a Consellaría de Pesca sexa sensíbel coas demandas da zona no que atinxe ao Plan Acuícola.

Nova na Voz:
Parlamentarios do BNG analizaron o traballo relacionado coa comarca efectuado no O Hórreo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *