Reclamamos unha actuación integral na Rúa do Pombal

Representantes do BNG coa veciñanza da Rúa do Pombal

O BNG ven de solicitarlle ao Goberno Municipal que reserve unha partida no orzamento deste ano para levar a cabo unha actuación integral na Rúa do Pombal

O cambio das canalizacións de auga potábel e de saneamento de toda a rúa, separando pluviais de fecais; a colocación dunha boca de rego para facilitar o labor dos servizos de limpeza e a actuación dos bombeiros en caso de incendio; a dotación de novo pavimento, mellorando a accesibilidade de toda a rúa, ou o acondicionamento dun espazo de lecer, negociando a adquisición dunha parcela alí existente, son algúnhas das actuacións necesarias.

A Rúa do Pombal, en pleno casco urbano de Ribeira, presenta un aspecto moi deteriorado pola falla de investimentos en toda a rúa dende fai moitos anos. Pódese dicir que a maioría das actuacións de conservación así como a limpeza da rúa son feitas pola veciñanza.

A última obra efectuada polo goberno municipal foi hai 12 anos. Daquela puxéronlle escaleiras e parte do pavimento, sen cambiar as tubarias. Concretamente as de auga potábel son de uralita e colocáronse hai máis de 40 anos. A frecuente rotura das mesmas ocasiona inundacións nas vivendas.

Tamén é necesario dotala de novo saneamento con separación de fecais e pluviais. Ademais, nas obras de mellora feitas a carón, colocáronse tubarias de maior diámetro que van a desembocar nas desta rúa, máis vellas e estreitas, o que pode provocar roturas e inundacións nos domicilios.

Consideramos tamén moi importante a dotación a todo o barrio dun espacio de lecer ao que poida ter acceso toda veciñanza. Neste senso, a adquisición por parte do Concello dunha parcela existente no lugar podería solventar esta carencia.

Iniciativa municipal:
2008-04-18ruapombal.pdf

Nova no Canal Rías Baixas
Os veciños do Pombal demandan unha actuación integral para dotar de servizos esta rúa

Nova na Voz:
Vecinos da Rúa do Pombal de Ribeira denuncian que se lles inundan as casas cando chove

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *