Defensa de Laxe Brava, fronte aos “paripés” do PP

Para o BNG é irrenunciábel a supresión de Laxe Brava do actual Plano Acuícola

Seguiremos traballando con coherencia, rigor e seriedade na defensa do noso patrimonio natural e dos intereses de Ribeira, lonxe de “paripés” e actuacións de cara á galería do Partido Popular

O BNG de Ribeira quere manifestar a falla de credibilidade da iniciativa presentada no Parlamento Galego polo PP relativa ao Plano Acuícola. A posición do PP sobre esta cuestión quedou claramente expresada coa aprobación do Plan Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria do anterior goberno Fraga. Lembremos os seguintes feitos incontestábeis:

Foi aprobado polo Consello da Xunta, logo de perdidas as eleccións e cun goberno en funcións. Aquel goberno estaba formado exclusivamente polo Partido Popular, sendo Manuel Ruíz membro do grupo parlamentar que o sustentaba, e Tenente de Alcalde do Concello de Ribeira. Era, polo tanto, parte activa na elaboración do Plano que, lembremos, incluía para o Concello de Ribeira a mesma reserva de chan que o actual: en Couso, Aguiño e Punta Corvos, en Corrubedo. Como di o refrán, “polos seus feitos os coñeceredes”.

A posición do BNG foi sempre a mesma. Polas mesmas razóns que daquela nos opuxemos á instalación do Parque de Punta Corvos, opoñémonos agora ao de Laxe Brava.

O BNG está traballando en todos os niveis para introducir melloras na actual proposta do Plano Acuícola da Consellaría de Pesca: presentamos alegacións, iniciativas municipais e parlamentares. Como consecuencia, xa se teñen introducido melloras como a supresión do Parque de Couso, en Aguiño, e a redución do Parque de Seráns, entre outras.

Para o BNG é irrenunciábel a supresión de Laxe Brava do actual Plano Acuícola. Na defensa do noso patrimonio natural e dos intereses de Ribeira, seguiremos traballando con coherencia, rigor e seriedade nos ámbitos que corresponda, lonxe de “paripés” e actuacións cara á galería e faltas de credibilidade como as que esta levando a cabo o Partido Popular.

Nova na Voz:
Os nacionalistas acusan ao PP de falta de credibilidade sobre o plan acuícola da Xunta

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *