O BNG reclama que Laxe Brava se retire do Plan Acuícola

2008-04-16-laxe_brava5.jpg

O BNG de Ribeira considera inaceptábel que o Parque de Laxe Brava non sexa retirado do Plan Acuícola

Para o BNG, este proxecto afectará aos sectores productivos tradicionais, ao turismo e ao desenvolvemento futuro do Parque Natural de Corrubedo e apela á nova Lei de Protección da Paisaxe de Galiza para protexer esta senlleira paisaxe

BNG presentou no seu momento alegacións para que foran retirados os parques de Couso-Aguiño, Seráns, e Laxe Brava, en Corrubedo do Plan Galego de Acuicultura. Hai que lembrar que se trata dun Plan elaborado polo antigo goberno do PP con modificacións puntuais da Consellaría de Pesca do PSOE.

A Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos ven de respostar informando que a situación destes parques quedaría do seguinte xeito:

• Nº 7: Couso-Aguiño: elimínase (55.000m2)
• Nº 8: Seráns: redúcese a 24.500 m2 (115.000m2)
• Nº 9: Laxe Brava: mantense tal cal (308.000 m2)

Parécenos positiva a decisión de retirar o parque de Couso en Aguiño e reducir o de Seráns, pero considerámos absolutamente inaceptábel que se manteña o parque de Laxe Brava, no Corgo, en Corrubedo.

Os argumentos que se dan por parte da Consellaría de Pesca para manter este parque nos parecen máis que cuestionábeis:

a) Fálase da “posibilidade de creación de emprego estable e de calidade”, “non suxeito a estacionalidade como é o caso do turismo”. Pero non se especifica cantos van ser os postos de traballo criados, baixo que condicións, ou cales repercutirán na comunidade na que se asenta.

No tocante ao turismo, entendemos que o esforzo da Xunta, concretamente da Dirección Xeral de Turismo, vai precisamente na liña de poñer en valor un potencial medioambiental e paisaxístico incuestionábel, como é todo o LIC de Corrubedo e o seu entorno, para lograr a súa desestacionalización e que sexa unha fonte de riqueza durante todo o ano.

b) Afirmase, de xeito pouco rigoroso, que a implantación destes espazos “baixo algunha figura de protección ambiental (…) pode ser compatible coa implantación de determinadas actividades”. Iso é ben difícil no caso de Laxe Brava, cunha reserva de solo de 308.000 m2 nun espazo singular. Proxectos de agro-turismo ou agricultura ecolóxica, e outros de carácter turístico máis sustentábeis e acordes co entorno, veríanse seriamente dificultados.

c) Non é comprensíbel a tese de que “a acuicultura está a chamar un importante papel en relación coa xestión e conservación dos recursos mariños”. Semella, na práctica, un intento de substitución da actividade produtiva tradicional, fundamentada na pesca e no marisqueo, ou nos recursos específicos, pola piscicultura. Iso, para o BNG, é inaceptábel.

d) Non se xustifica a non afección aos recursos pesqueiros e marisqueiros. Simplemente afirma, á inversa, que “non se xustifica a suposta afección”.

e) É bastante máis agresivo o proxecto de Laxe Brava, tanto pola súa extensión (308.000 m2), o maior do Plan, como por estar no único entorno virxe do noso concello, que outros que fican suprimidos ou reducidos. Non é lóxico o criterio seguido para manter este, e rexeitar outros.

f) O proxecto de Laxe Brava afectará ao desenvolvemento futuro do Parque Natural de Corrubedo. A Consellaría de Pesca limítase a admitir que aínda non está desenvolvido, cando a estas altura xa debería estalo.

Por outra banda, e segundo os dados existentes, Galiza está moi por baixo da media do Estado en canto a figuras de protección ambiental. A ampliación da área de Rede Natura, prevista pola Consellaría de Medio Ambiente na Lei de Protección da Paisaxe de Galiza que acaba de aprobar o Consello da Xunta, indiscutiblemente ten que protexer unha paisaxe tan senlleira como a do Corgo en Corrubedo. Do contrario estaríamos a falar dunha incoherencia difícil de entender e de leis que quedan moi ben de cara á galería pero que non se cumpren.

Convén lembrar que o principal obxectivo desta Lei e recoñecer xuridicamente a paisaxe. Mesmo prevé a creación dunha serie de instrumentos nas políticas da paisaxe, como son os Catálogos da Paisaxe Galega, as Directrices da Paisaxe, os Estudos de Impacto e Integración e os Plans de Áreas Protexidas.

En definitiva, manter o parque de Laxe Brava dentro deste Plan non se sostén dende ningún punto de vista e dende o BNG seguiremos traballando para que sexa retirado do mesmo.

Nova no Canal Rías Baixas:
O BNG apoiará ós afectados para conseguir a retirada do parque de Laxe Brava

Nova na Voz:
O BNG ribeirense considera «inaceptábel» que se manteña o parque acuícola de Laxe Brava

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *