O BNG rexeita o orzamento menos inversor dos últimos anos

O BNG vota en contra do orzamento elaborado polo goberno do PP de Ribeira por considerar que resalta un proxecto pouco ambicioso que, pese a ser o máis importante até o de agora, é o menos inversor dos últimos anos

A xuizo do BNG, estes orzamentos denotan un goberno rutineiro, continuista, incapaz de adoptar medidas de control do gasto corrente e con moi pouca capacidade de aforro para investimentos. Isto unido á nula xestión, e mesmo confrontación política con outras administracións, converten a este goberno en incapaz de abordar as importantes obras de infraestructura que Ribeira necesita

No Pleno do Concello de Ribeira, celebrado o pasado luns, día 7 de abril, o Goberno do PP de Ribeira aprobou en solitario os orzamentos municipais. A primeira vista estamos falando dun orzamento de 21.458.763,45 € fronte aos 20.139.090,49 € do ano pasado; isto representa un incremento do 6,55%, cun aumento de 1.319.672,96 €.

A pesar da súa cuantía, trátase duns orzamentos que se caracterizan por unha baixada dos investimentos por segundo ano consecutivo. Este ano a baixada é de preto do 8% respecto ao anterior; ademais, as dúas obras máis importantes que se recollen no orzamento xa ían no do 2007 e non se realizaron, está por ver se agora se levan a cabo. Trátase do matadoiro municipal, así como da casa da xuventude que entre os retrasos pola súa falla de planificación ao non teren previsto a retirada da torre de Fenosa, primeiro, e a suspensión de pagos da constructora, despois, leva tempo paralizada. Isto mesmo pode significar a perda das subvencións que financian a obra.

O capítulo que aporta maior ingreso dentro do orzamento xeral é o de Transferencias Correntes (e dicir, as partidas procedentes doutras administracións) co 36,58 % do total do orzamento, seguido do capítulo de Taxas e Prezos Públicos co 19,49 %, Impostos Directos (fundamentalmente IBI) co 19,36 %, Transferencias de Capital (tamén procedentes doutras administracións) co 10,22 %, Impostos Indirectos (ICIO) cun 7,92 % e as Operacións de Préstamo que representan un 5,04 % do total orzamentario. Sen embargo neste incremento recóllense partidas que esta por ver se se confirman, como é o caso do ICIO (imposto de construcións e obras). No anterior exercicio as súas previsión foron demasiado optimistas excedéndoas en máis dun millón cen mil €.

Pola contra, o maior gasto corresponde ao capítulo de Gastos de Bens Correntes e Servizos (34,67), seguido do capítulo de Gastos de Persoal (31,22%), as Inversións Reais (24,59%), e os Pasivos Financeiros (5,04%), entre outros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *