Reclamámoslle ao goberno que rematen as obras de SEIXO

O BNG de Ribeira ven de solicitar ao Goberno Municipal que informe que vai pasar coas obras que SEIXO S.L. deixou a medio executar

Tamén reclamamos que se axilicen os trámites o máximo posible para que todas aquelas obras que dificultan a vida cotiá da cidadanía, se rematen o antes posible

Non é a primeira vez que a empresa con denominación SEIXO S.L. deixa colgadas obras no municipio, así o fixo coas vivendas sociais de Xaras, en Ribeira, facendo que as esperas de varias familias se alongaran no tempo para poder acceder ás súas vivendas.

Agora, o grupo PROINSA, ao que pertence a empresa SEIXO, S.L., ven de suspender pagos e despedir á meirande parte dos seus empregados, deixando abandonadas un bo número de contratas que estaba a executar na localidade. Trátase, por exemplo, de obras como as da Praza dos Muiños, a Casa da Xuventude e a recuperación do casco histórico de Carreira.

Os inconvenientes que a paralización destas obras van causar á veciñanza son enormes. No caso da Casa da Xuventude pode significar a perda de 700.000 € en subvencións, ao que hai que engadirlle o retraso na construción da edificación ou mesmo que a obra quede paralizada por moito tempo, e a mocidade de Ribeira sen uns servizos que demandan.

Noutros casos, como o da recuperación do casco histórico de Carreira, levantouse todo o pavimento da rúa e agora mesmo está intransitable, inmensas fochancas de terra e lodo impiden incluso pasar a pé; moitos dos residentes quedáronse sen acceso útil á súa propia vivenda. Do mesmo xeito, a Praza dos Muiños, longamente demandada pola veciñanza, verase novamente paralizada sine die.

Iniciativa municipal:
2008-03-28obras_seixo.pdf

Nova na Voz:
O BNG reclama a Torres Colomer que aclare que vai pasar coas obras que Seixo deixou sen terminar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *