Tarifa nocturna: medida positiva pero insuficiente

A Consellaría de Innovación e Industria valora a medida positivamente, contemplada nun decreto estatal publicado hoxe no BOE, porén é insuficiente para paliar os custes que suporá o cambio tarifario nas economías de 180.000 fogares galegos

Santiago, 18 de marzo de 2008.- A Consellaría de Innovación e Industria valora positivamente a medida do Ministerio de Industria, Turismo y Comercio de establecer mediante decreto a exención dos devengos de calquera dereito de acometida así como das contías derivadas dos cambios e actuacións nos equipos de control e medida que requiran as modificacións de potencia contratada dos consumidores acollidos á tarifa 2.0 con discriminación horaria nocturna, a chamada tarifa nocturna. A medida recóllese, en concreto, no Real Decreto 222/2008, de 15 de febreiro, polo que se establece o réxime retributivo da actividade de distribución de enerxía eléctrica, publicado hoxe no BOE, e responde ás demandas da Consellaría de Innovación e Industria perante o Ministerio de efectuar un reparto de cargas que inclúa ás compañías distribuidoras co fin de minorar os custes derivados do cambio de tarifa.

A exención destes dereitos, non obstante, a xuízo da Consellaría de Innovación non será suficiente para paliar o efecto negativo do cambio tarifario nas economías domésticas dunhas 180.000 familias usuarias da chamada “tarifa nocturna” en Galiza. O departamento dirixido por Fernando Blanco reclamou perante o Estado o mantemento da tarifa 2.0 con discriminación nocturna para os usuarios actuais da mesma, nos termos nos que se estivo aplicando até este momento e/ou no marco das tarifas de último recurso (aqueles prezos máximos fixados polo Estado que poderán cobrar os comercializadores que asuman o subministro en baixa tensión, en determinados casos, despois da desaparición das tarifas eléctricas).

Innovación e Industria denunciou particularmente no Ministerio de Industria o feito de que o custe do cambio recaese sobre o usuario e demandou unha valoración dos efectos reais da modificación e un reparto das cargas que incluíra ás compañías distribuidoras e mesmo á propia administración estatal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *