Solicitamos unha actuación integral no lugar do Castro

O BNG de Ribeira, por medio da concelleira Ánxeles González Cruxeiras, ven de solicitar que se realice de maneira urxente unha actuación integral no lugar do Castro que supoña a dotación de saneamento en todo o lugar, a colocación dos contedores de lixo necesario, así como a execución de beirarrúas e a dotación dunha zona de espallamento e ocio.

Tamén reclamamos a mellora das vías de comunicación cos arredores mediante a apertura dunha pista que dea acceso ao Vilar.

O lugar de Castro, da parroquia de Carreira, moi próximo á aldea de Frións, conta cun número importante de vivendas. Os veciños e veciñas deste lugar teñen sen resolver o problema do saneamento. Non están integrados na rede de saneamento municipal a pesares de que verten directamente ó Parque Natural de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán.

Consideramos dende o Grupo municipal do BNG que esta obra é primordial e non ten unha difícil solución, os investimentos non serían moi grandes para dotar a estas vivendas de saneamento, e coma o resto da cidadanía, eles tamén teñen dereito a contar cos servizos municipais dos que os están privando. Xa non é a primeira vez que a veciñanza solicita ante o Goberno Municipal a dotación dos servizos que lles corresponden. Eles tamén son unha parte da veciñanza contribuínte e pagan os seus impostos.

Alí aínda non chegaron as beirarrúas e a penas se procede á recolleita do lixo, non contan cunha área de esparcemento para os residentes. O lugar de Castro, está necesitado dunha dotación integral de servizos públicos, e é ao Goberno Municipal de Ribeira ao que lle corresponde proceder a execución destas obras.

Tamén é urxente no lugar o enlace coa aldea do Vilar mediante a apertura dunha pista, que deixaría os dous lugares perfectamente comunicados.

Iniciativa municipal:
2008-02-21saneamentonocastro.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *