Reclamaremos en Pleno o mantemento da tarifa nocturna

Grupo Municipal BNG

O BNG de Ribeira reclamará diante do Pleno, agora mediante unha moción, que a Corporación inste á Xunta de Galiza a que demande do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio o mantemento dunha tarifa con características semellantes á nocturna.

Tamén demandaremos a gratuidade do cambio de limitadores, así como a creación de liñas de subvención para os custes de adaptación dos equipamentos das vivendas de usuarios/as de Tarifa Nocturna que desexen acollerse á Tarifa con Discriminación Horaria.

Dende o ano 1983 estableceuse, no Estado Español, a denominada Tarifa Eléctrica 2.0N (coñecida como Tarifa Nocturna). Esta tarifa basease na filosofía de primar o consumo nas horas nocturnas, onde a potencia consumida no conxunto do sistema eléctrico é menor.

Esta tarifa ten un desconto do 55% nas horas nocturnas e un recargo do 3% nas horas centrais do día. E favorece o consumo de determinados electrodomésticos, como son: acumuladores, lavadoras, lavalouzas, quentadores de auga, etc., que se poden usar de noite.

A tarifa nocturna busca un consumo enerxético máis responsábel e solidario, e obrigou a instalación nos fogares de determinados equipamentos, cun elevado custe de investimento, como foron os acumuladores eléctricos.

O termo de potencia contratada, que é un concepto fixo, na factura eléctrica, estímase en 5,3 Kw de media para os clientes desta tarifa.

Actualmente no Estado hai, aproximadamente, 1 millón de clientes desta tarifa; no caso de Galiza, debido a súa climatoloxía que obriga ao uso dun sistema de calefacción eficiente, temos uns 160.000 usuarios/as, é dicir, o 16% do conxunto do Estado.

A tarifa nocturna mantívose sen modificacións dende o ano 1983 até o ano 2006, no que xa non permitiu novas altas baixo esta tarifa, mais o cambio fundamental está en que ‘Os/As consumidores/as acollidos/as a esta tarifa (tarifa nocturna) deberán comunicar á empresa distribuidora, antes do 1 de xullo de 2008, a nova tarifa á que desexen acollerse. Unha vez transcorrido o prazo, sen que o/a cliente solicite as novas condicións do contrato, a compañía distribuidora aplicará automaticamente outras tarifas de acordo coa potencia contratada”. É dicir, a partires do 1 de xullo do 2008, desaparece a Tarifa Nocturna.

Con este Real Decreto obrígase aos/ás clientes con esta tarifa a contratar unha nova potencia, superior á que tiñan no consumo das horas punta e a un incremento do prezo sobre o consumo que tiñan nas horas punta, xa que pasan dun recargo do 3% a un 35%. En conxunto o incremento que poden padecer, na factura eléctrica, pode chegar ao 49%.

Tarifa de Discriminación Horaria

Na nova Orde de Tarifas Eléctricas existe a nova Tarifa de Discriminación Horaria, mais, para acollerse a esta nova tarifa, os/as usuarios/as de Tarifa Nocturna deben asumir integramente os custes do cambio, que son cantidades importantes e que están estimadas entre 400 e 500 €uros por cliente. Uns 200 €uros se gastarán no cambio de limitadores de potencia e outros 200 ou 300 €uros, na adaptación dos sistemas de calefacción, que deberán cambiar as actuais resistencias por outras de menor potencia, ou ben, establecer dous circuítos de calefacción independentes entre si.

Asemade, unha vez realizadas as modificacións precisas, na nova Tarifa de Discriminación Horaria, haberá que pagar por un maior incremento da potencia contratada, que é unha parte fixa da factura eléctrica. Isto terá un efecto especialmente negativo en Galiza, pois haberá que contratar unha potencia que se emprega fundamentalmente no inverno (polos acumuladores eléctricos), e se continúa pagando na primavera e no verán, cando non se necesita tanta potencia; isto coa Tarifa Nocturna non pasaba.

Como vemos, esta nova regulación das tarifas eléctricas, vai supor un importante gasto nas economías familiares, se temos en conta a media salarial e de pensións en Galiza; asemade o Goberno do Estado non contempla, na nova regulación, ningunha medida de compensación, nin reparte cargas entre usuarios/as e empresas distribuidoras que, en definitiva, serán as grandes beneficiarias.

Galiza xoga un papel curioso no sistema eléctrico estatal. Sufrimos a expoliación dos nosos recursos, somos uns grandes produtores, pero nas tarifas vémonos penalizados pola nosa climatoloxía, quen responsabilizou disto ao partido no goberno, pero tamén ao Partido Popular, que aprobou no 1997 a lei que obriga á tarifa única no Estado.

Máis información…

Iniciativa Municipal:
2008-03-18tarifanocturna.pdf

Nova no Canal Rías Baixas:
O BNG solicita que se manteña un sistema de tarificación similar ó nocturno

2 Comments on “Reclamaremos en Pleno o mantemento da tarifa nocturna”

  1. Baixo o meu punto de vista, isto é un atraco. Tivemos que facer un forte investimento para instalar a tarifa nocturna e agora, cando hai xente que leva a penas un ano con ela instalada, véñennos con estas.
    Non chega xa co que subiron os xuros, que o combustible estea polas nubes, ou que a cesta da compra nos impida chegar a fin de mes…
    Non chega, claro… Faltaba FENOSA para darnos o gran golpe!!

  2. Estes feitos acaban coa miña fe dalgún día. Entre tod@s temos que facer algo. Recoller sinaturas ou o que sexa… como di o refrán: a Deus rogando e co mazo dando.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *