Vivenda duplica as axudas a propietarios de moradas en aluguer

 O Consello da Xunta aprobou hoxe un novo Decreto que modifica o Programa incorporando novas vantaxes para propietarios e inquilinos.

 Increméntase ata 20.120 €/ano os ingresos ponderados máximos permitidos por demandante de vivenda en aluguer a través do Programa

 O obxectivo da Consellería é subvencionar unha media de 4.500 alugueres anuais e dispón de 9 millóns de euros nos orzamentos de 2008

Santiago de Compostela, 13 marzo 08.- A Consellaría de Vivenda e Solo, que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, duplica as axudas aos propietarios que aluguen a súa vivenda a través do Programa de Vivenda en Aluguer. Nese sentido, a Consellería concederá unha subvención de ata 12.000 euros a fondo perdido para a rehabilitación e execución de obras de mellora de vivendas cuxos propietarios desexen incorporalas ao Programa, o que supón un incremento do 100% con respecto á subvención concedida ata o de agora que era de ata 6.000 euros.

O obxectivo é dar novos incentivos aos propietarios e intentar reducir a diferencia entre a demanda e a oferta do Programa de Vivenda en Aluguer, xa que a día de hoxe hai máis solicitudes que vivendas ofertadas. Este incremento da subvención destinada aos propietarios é unha das principais modificacións do novo Decreto que modifica o Programa aprobado hoxe polo Consello da Xunta, e que incorpora novas vantaxes para propietarios e inquilinos.

No que atinxe aos inquilinos, a modificación do Programa de Vivenda en Aluguer amplía o ámbito de posibles persoas beneficiarias da subvención ao arrendamento, ao incrementar o nivel máximo de ingresos que poden percibir os demandantes de vivenda en aluguer a través deste Programa. En concreto, os ingresos ponderados máximos pasan a ser de ata 3 veces o IPREM, de tal xeito que poderán ter acceso as persoas cuns ingresos de entre 4.695 €/ano – 0,7 veces IPREM – e 20.121 €/ano – 3 veces IPREM –, cando no anterior Decreto 48/2006 os inquilinos non podían superar uns ingresos ponderados de 2,5 veces o IPREM – 16.768 €/ano –.

Máis información…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *