Graciñas por un respaldo decisivo

Mitin da Lonxa de Ribeira

Queremos agradecer a toda a cidadanía de Ribeira e da Barbanza a confianza coa que nos agasallaron nunhas eleccións tan difíciles, nas que tivemos que competir nunha campaña en desigualdade de condicións e nas que a bipolarización do voto entre as dúas forzas estatais foi a tónica dominante.

En Ribeira o BNG foi capaz de consolidarse electoralmente, obtendo un respaldo por enriba da media galega. Logramos 2.207 papeletas e o 14,39% do voto. Os mellores resultados obtivémolos no casco urbano e en Oleiros, con un importante incremento do número de apoios.

En xeral, en toda a Barbanza o BNG recibiu un importantísimo respaldo: con 6.593 papeletas e unha porcentaxe do 16,31, colocámonos non só por enriba da media galega, senón como a segunda comarca da provincia da Coruña onde o BNG obtivo os mellores resultados.

Tamén cabe resaltar o descenso do PP que se fai máis evidente no candidato ao Senado pola Coruña de Ribeira que obtén na súa localidade 245 votos menos que o PP nas eleccións Xerais do 2004.

Por último queremos felicitar aos compañeiros e compañeiras militantes do BNG así como aos simpatizantes que fixeron posíbel có seu traballo estes resultados e o avanzo do Bloque Nacionalista Galego nun novo proceso electoral, converténdose na única forza nacionalista que no Estado incrementou os seus apoios en porcentaxe de voto e en números absolutos. Este respaldo foi fundamental para lograr un deputado e unha deputada nacionalistas que aseguran que nos vindeiros catro anos Galiza teña peso e sexa decisiva en Madrid.

Eleccións Xerais 2008 en Ribeira
Congreso:
resultados-xeraisribeira-2008.pdf
Senado:
xeraisribeira2008senado.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *