209.042 razóns para dicir grazas Galiza

Mitin na Lonxa de Ribeira

O Bloque Nacionalista Galego obtivo 209.042 votos o 9 de Marzo, 209.042 votos para dicir grazas Galiza. Foi un “éxito eleitoral” e unha “boa noticia para Galiza” –en palabras de Francisco Jorquera- en pleno “bombardeamento bipartidista”. O BNG foi a única forza nacionalista que no Estado incrementou os seus apoios en porcentaxe de voto e en números absolutos.

O balanzo dunha campaña eleitoral haino que facer en función dos obxectivos propostos. O BNG cumpriu todos e cada un deles. Incrementou o número de votos e a porcentaxe e fixo recuar o PP, impediu que se fose cara a un escenario de maiorías absolutas e e obtivo un espazo moi valioso para Galiza nas próximas Cortes Xerais do Estado, un espazo que en moitos momentos da xa inminente novena lexislatura estatal resultará decisivo para formar maiorías.

O resultado do BNG pon ademais de manifesto que en Galiza o bipartidismo é inviábel e, por tanto, que Galiza ten un mapa político proprio e xenuíno do país, o que en termos políticos equivale a dicer que Galiza se comportou o 9 de Marzo como a nación que é.

En Galiza hai tres proxectos políticos perfeitamente diferenciados e hai un espazo político nacionalista absolutamente consolidado, que responde aos intereses do país con independencia de que tipo de elección se trate. Isto último é un logro histórico de enormes proporcións para o pobo galego.

Nada disto tería sido posíbel sen a entrega e a enorme implicación da militancia do Bloque Nacionalista Galego na campaña. “O nacionalismo non ten limites. Hoxe ficou demostrado”, afirmou o coordenador executivo, Francisco Jorquera na noite eleitoral. “Síntome tremendamente orgulloso de ser o portavoz nacional dunha organización como o Bloque Nacionalista Galego, chea de xente que ama o seu país por enriba de todo”, manifestou Anxo Quintana na súa comparencia perante os meios na noite do 9-M, cando xa era unha evidencia o avanzo eleitoral do BNG.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *