Apoiar ao BNG é apostar polo dereito a deseñar o futuro do noso País

fotoentrevista.jpg

Entrevista a Dominga Brión

É a primeira vez que algún/ha membro do BNG da Comarca ocupa un posto tan alto nunha candidatura ao Congreso, como o valora Dominga Brión?

Dun xeito moi positivo. Considero un importante recoñecemento a un labor colectivo do BNG de Ribeira que obtivo nas últimas elección municipais uns resultados históricos. Este incremento de votos reflexa a confianza que a cidadanía de Ribeira deposita cada vez máis en nós.

O BNG leva 12 anos no Congreso dos Deputados nos que salientou a figura de Francisco Rodríguez, como foi a súa relación con Ribeira?

O BNG fixo un intenso traballo en favor de Galiza e Francisco Rodríguez puxo a Ribeira en Madrid. Moitos dos nosos problemas teñen alí a solución: pensemos nos continuos verquidos á Ría, no deficiente funcionamento de Correos ou na demanda do Rexistro da Propiedade para Ribeira.

O BNG “vende” a participación nos orzamentos do estado como o gran logro desta presencia en Madrid.

O labor do BNG foi decisivo para que os investimentos en infraestructuras do Estado en Galiza foran superiores ao 8%. Isto supón un total de 2.040 millóns de € para o 2008. Ademais, o BNG logrou uns investimentos adicionais de 2.600.000 € en proxectos concretos nos 4 concellos da Barbanza para o 2008.

Pero quedan moitos problemas por resolver… cales son as prioridades do BNG para a vindeira lexislatura?

O BNG ten que ser decisivo en Madrid. Dese xeito poderán saldarse débedas históricas pendentes. Unha delas, o apoio aos sectores productivos: o complexo mar-industria é o motor da nosa economía, pero irrelevante no Estado. Con máis forza en Madrid poderemos seguir potenciando a nosa pesca e o marisqueo. É preciso lexislar para dar cobertura ás singularidades da xente do mar: adoptando medidas para o recoñecemento de enfermidades profesionais, coeficientes reductores para a xubilación, ou que as mulleres do mar teñan os permisos por maternidade necesarios, así como o dereito á excedencia para coidado dos seus fillos e fillas, sen perder o Permex. Dar solución á posibilidade de votar dos nosos mariñeiros embarcados ou rebaixar as tarifas telefónicas, son outras das nosas propostas.

Todas estas cuestións serán levadas ao Parlamento polo BNG. Só terán unha solución acaída se Galiza ten unha presencia forte. Esto só o garante o BNG.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *