Respaldo ao sector turístico e ao pequeno comercio

b6c9f1.jpg

A candidata da Barbanza ao Congreso, Dominga Brión, acompañada da directora xeral de Comercio, Ana Rúa, e do director xeral de Turismo, Rubén Lois, mantivo unha reunión con comerciantes e hostaleiros na Sede da Asociación de Empresarios de Ribeira.

Ana Rúa e Rubén Lois explicaron as políticas das súas respectivas direccións xerais e insistiron na importancia de ter unha boa representación en Madrid para poder levar a cabo as actuacións dos seus departamentos, nos que teñen competencias exclusivas, sen inxerencias do Estado.

Pola súa parte, Dominga Brión, fixo fincapé na necesidade de respaldar a un sector tan importante na Barbanza e no País, como é o comercio de proximidade e o turismo, e na importante labor que se está facendo dende as direccións xerais respectivas. Sen embargo, recalcou a necesidade de ser decisivos en Madrid para blindar as competencias na materia, impedindo intromisións por medio de leis marco, no ámbito da planificación económica xeral do Estado.

Así, por exemplo, na comunidade de Madrid, gobernada polo PP, a lei de horarios existente é ultraliberalizadora e claramente prexudicial co pequeno comercio, con 22 festivos hábiles comercialmente, fronte aos 8 que existen en Galiza.

No relativo ao sector turístico, o BNG dende o Estado, apoiará a promoción turística da Barbanza nas oficinas de Turespaña, e solicitará que se transfira a xestión dos paradores de Turismo que están en Galiza.

O BNG seguirá reclamando o ritmo inversor do 8% para mellorar as nosas infraestructuras, así como, a transferencia da xestión e da titularidade á Xunta de Galiza dos tres aeroportos galegos para, deste xeito, impulsar un sistema aeroportuario integrado que procure a especialización e a complementariedade dos tres aeroportos galegos para atender as distintas demandas. Todo isto facilitará a chegada de fluxos turísticos a Galiza e, en particular, á Barbanza que traerá consigo tamén un impulso ao comercio local.

O apoio aos sectores productivos e a diversificación da economía local para crear emprego e riqueza, son outras apostas do BNG que repercutirán positivamente no comercio e no turismo da Barbanza.

Nova na Voz:
O BNG reafirma o seu apoio ao comercio e ao turismo da zona

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *