O BNG reuniuse cos afectados de Laxe Brava

Bieito Lobeira no Corgo (Corrubedo) BNG

Dominga Brión achegouse con Bieito Lobeira até Teira (Corrubedo) para comprobar o estado de conservación do lugar onde o PSOE pretende instalar a planta de Laxe Brava.

Pola noite reunironse cos representantes da plataforma de afectados

O deputado do BNG no Parlamento Galego, Bieito Lobeira, e a voceira municipal de Ribeira e candidata ao Congreso, Dominga Brión, achegáronse até Teira (Corrubedo) o xoves da pasada semana para comprobar o estado de conservación dun dos poucos contornos vírxenes que aínda queda no noso concello, e no que a Consellería de Pesca, do PSOE, pretende instalar a planta acuícola de Laxe Brava.

Pola noite, Lobeira e Brión, acompañados de concelleiros e concelleiras e doutros membros do BNG de Ribeira, reunironse cunha representación dos afectados pola instalación da planta, aos que lle expuxo o rexeitamento claro do BNG á instalación da planta de Laxe Brava.

O deputado nacionalista informoulle aos afectados que o BNG lle trasladou formalmente á Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos, xa hai meses, a necesidade de negociar contidos e emprazamentos do Plano de Acuicultura, atendendo aos seguintes criterios fundamentais:

a) Garantías de depuración plena, integral, das augas procedentes destas instalacións.

b) Esixencia de xeración de emprego digno e estábel (é posíbel facelo nas cláusulas de concesión) que recaia sobre a comunidade na que se asenta.

c) Minimización do impacto ambiental, tamén paisaxístico. Diferenciar entre reserva de solo e edificabilidade. As instalación non teñen porqué estar á beira do mar. E outras (administración, dirección, procesado, almacenado, comercialización, etc.) poden estar mesmo localizadas en parques ou polígonos empresariais debidamente dotados.

d) Hai emprazamentos (caso de Corrubedo) que se deben suprimir. Outros (Merexo), reducir. Noutros casos, afastar terra a dentro.

e) É preciso, con todo, unha planificación nacional de reserva de solo que evite actuacións especuladoras por parte de empresas ou concellos. Mais a proposta actual é manifestamente mellorábel.

f) Impulso á investigación para a cría de novas especies –evitar “monocultivos”- e tamén para a mellora da sustentabilidade desta actividade.

g) Apoiar activamente fórmulas organizativas, comezando polo cooperativismo, que posibiliten o acceso das comunidades mariñeiras a esta actividade e, daquela, aos emprazamentos que se designen.

Bieito Lobeira indicou que é evidente que calquera mellora deste “Plano de Acuicultura” pasa polo proceso de negociación que o BNG está a impulsar diante de departamentos baixo responsabilidade do PSOE. Tamén lembrou que recentemente a Asociación de Produtores de Rodaballo de Galiza (AROGA), que agrupa ás once empresas que se dedican na Galiza a esta actividade, advertían do retraso na tramitación do Plano, e sinalaban ao BNG como responsábel de que non estivera xa aprobado.

Dende o BNG agardamos que o PSOE atenda o clamor popular e, dende a Consellería de Pesca, abra un proceso de interlocución coas plataformas, confraría, organizacións ecoloxistas e corporacións municipais críticas co proxecto de plano acuícola antes de poñer en marcha este Plan Acuícola onde se atenden tan só a demandas das multinacionais.

Tamén esperamos que a Consellería propoña modificacións do proxecto de plano acuícola na liña de garantir a sustentabilidade ambiental e social das plantas proxectadas, valorando mesmo a supresión ou a reformulación profunda dalgunhas das previstas, e así o propuxemos nunha iniciativa parlamentar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *