Mitin do BNG en Rianxo

Adolfo Muiños, Dominga Brión e Francisco Jorquera

Francisco Jorquera e Dominga Brión participaron nun acto de precampaña organizado polo BNG de Rianxo esta fin de semana na vila de Castelao

Adolfo Muiños, Responsábel Local de Rianxo, recalcou que o BNG foi a voz de Galiza no Congreso dos Deputados

O pasado domingo o senador e cabeza de lista do BNG pola provincia da Coruña, Francisco Jorquera, e a Voceira Municipal do BNG de Ribeira e candidata da comarca, Dominga Brión, achegaronse ata a vila de Castelao a un dos primeiros acto de campaña organizado polo BNG, no que interveu tamén o Responsábel Local, Adolfo Muiños.

A candidata nacionalista resaltou o traballo feito polo BNG en Madrid indicando que o labor do seu portavoz, Francisco Rodríguez, foi decisiva para que, entre outras cousas, os investimentos en infraestructuras do Estado en Galiza foran superiores ao 8%. En total máis de 2 mil millóns de €, dos cales, o BNG acadou 2,6 millóns en partidas adicionais concretas para os catro concellos desta comarca nos orzamentos do 2008, dos que 700.000 € se destinarán á recuperación dos cantís entre Tanxil e Tronco, en Rianxo.

Tamén lembrou a actuación do BNG na recuperación da Illa de Sálvora para o patrimonio público, con un custo de 8,5 millóns de €, así como algunhas das iniciativas presentadas polo BNG importantes para Rianxo, como a solicitude da ampliación da cobertura de TDT ou melloras no repetidor da Curota. Recalcou que o BNG se interesou polo novo deseño da ponte sobre o Ulla e a súa posíbel afección aos bancos marisqueiros dos lombos do Ulla; denunciou en multitude de ocasións vertidos contaminantes na ría da Arousa e apoiou o tren de cercanías, para evitar o desmantelamento do ferrocarril Catoira-Santiago, entre outras iniciativas.

Brión pediu o apoio para o BNG porque considera prioritario ter alí representándonos a “galegos e galegas de lei”, a “alguén sen ataduras, que antepoña os intereses de Galiza ás directrices que lle marquen dende Madrid”. A persoas que estean “coa cabeza, co corazón e cos pes en Galiza”, como é o caso dos candidatos e candidatas do BNG, indicou.

Pola súa banda, Francisco Jorquera, o cabeza de lista pola provincia da Coruña, durante a súa intervención, indicou que non se trata dunhas eleccións presidencialistas, senón que se elixe aos deputados e deputadas que logo escollerán ao presidente. Tamén se referiu ó dobre papel que xoga o BNG nestes comicios: como garante de que Galiza teña voz propia e os seus intereses sexan atendidos, e como impulsor de políticas de igualdade, sociais e de profundización democrática.

Chave do goberno

Segundo o candidato nacionalista ‘todo apunta a que non haberá maiorías absolutas no congreso dos deputados polo que o BNG pode ter a chave do próximo goberno’. Neste sentido lembrou os logros nacionalistas na anterior lexislatura como o desbloqueo de transferencias pendentes de transferir por parte do estado ou o incremento dos investimentos que están por riba do que corresponde por número de habitantes.

Nova no Canal Rías Baixas:
Jorquera destaca en Rianxo o dobre papel do BNG nas eleccións xerais
Nova na Voz:
Dominga Brión afirmou en Rianxo que só o BNG trasladou a Madrid os problemas de Barbanza

Nova en Radiofusión:
Dominga Brión ” só o BNG trasladou a Madrid os problemas de Barbanza”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *