O BNG interésase polo afundimento do “Spinning Dale”

O BNG interésase no Parlamento Galego polo afundimento do pesqueiro de Ribeira “Spinning Dale” e dos barcos “Royalist” e “Ferralemes” e reclama a transferencia do salvamento marítimo a Galiza

Bieito Lobeira, deputado do BNG no Parlamento Galego asegura que “os afundimentos constantes de buques pesqueiros no noso litoral son unha traxedia á que non podemos asistir con indiferencia, como se fose inevitábel”. “Pensamos que o noso país ten capacidade de sobra para asumir o salvamento marítimo e demais competencias relacionadas coa nosa costa, porque estamos convencidos de que é máis fácil xestionar o salvamento desde aquí que desde a Meseta”, afirmou.

“Para o Estado, o salvamento marítimo non é unha prioridade; para Galiza, si”, destacou. Nesa liña lembrou que os afundimentos en augas internacionais e de terceiros países de buques de tripulación e capital galegos tamén son unha constante, e que a administración galega “algo terá que dicir ao respecto”.

Lobeira vén de rexistrar no parlamento tres preguntas relativas ao afundimento dos buques pesqueiros “Royalist” – 23 de xaneiro, no Gran Sol-; “Spinning Dale” – 1 de febreiro, perto de Escocia- e “Ferralemes” – 2 de febreiro, nas Malvinas- nas cales demanda información á Consellaría de Pesca sobre estes sucesos e as medidas de salvamento tomadas.

Iniciativa Parlamentar:
2008-02-04-afundimento-pesqueiro-de-ribeira-spinning-dale.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *