Transporte público

José Manuel Pena
Publicado en Xornal.com

“Martes, 29 de xaneiro de 2008. O transporte público é un servizo básico e esencial para calquera cidade, pobo ou parroquia, en cambio as carencias son evidentes e senón que llo pregunten aos veciños dalgúns lugares da parroquia de Artes, de Frións, ou Vilar en Carreira, o lugar de Insuela en Palmeira ou ben aos do viario entre as parroquias de Olveira e Oleiros, entre outros lugares aos que non chega a liña regular de autobuses, co consecuente prexuízo que iso supón para os veciños, que deben facer uso dos seus vehículos particulares para poder desprazarse.

Persoas maiores e novos estudantes sofren maioritariamente as consecuencias de que, polos lugares nos que residen, non circule o servizo público de autobuses e nisto teñen moita culpa, tanto a Xunta de Galicia como os propios Concellos por non querer ampliar os itinerarios xa existentes ou adxudicar novas rutas a outras empresas de transporte.

O peor de todo é cando os afectados son estudantes que teñen que ir andando, un ou dous quilómetros, para chegar ao centro escolar, ao non pasar o transporte polos seus lugares de residencia. Así os residentes da parroquia de Artes están en loita para a defensa dos seus lexítimos intereses e tampouco deberían deixar de facelo os veciños de Carreira, Olveira ou Palmeira, no municipio de Riveira, que padecen discriminación con respecto a outros cidadáns que teñen a sorte de que os autobuses pasen por diante das súas vivendas.

Por outra banda e unha vez que os autobuses chegasen a case todos os lugares, o propio Concello de Riveira, debería pór encima da mesa a subvención parcial do billete, dentro do termo municipal, para xubilados con baixas pensións, familias con escasos recursos económicos e persoas dependentes.”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *