O BNG defende o mantemento da tarifa nocturna

Santiago de Compostela, 28 Xaneiro 08. Fernando Blanco Parga, portavoz do BNG en Infraestruturas, explicou en rolda de prensa os motivos do BNG para defender que se manteña a actual tarifa nocturna – ou se instaure unha coas mesmas características -. Segundo expuxo, esta tarifa “ten características positivas para o sistema eléctrico e para os usuarios, posto que prima o consumo nas horas nocturnas, as de menor consumo eléctrico, liberando a rede eléctrica nas horas diurnas”.

Blanco Parga lembrou que en Galiza hai 160.000 fogares acollidos á tarifa nocturna, que supoñen o 16% dos usuarios do Estado. “A climatoloxía galega obriga a ter uns fogares perfectamente dotados de calefacción”, asegurou, o que provocará un aumento das facturas da electricidade nos fogares galegos.

O parlamentar do BNG recordou que moitas familias se acolleron ao sistema de calefacción mediante acumuladores eléctricos “pensando que era un sistema estábel” e recordou que o BNG vai presentar iniciativas nos concellos sobre esta cuestión, ademais de no Parlamento galego.

Segundo explicou, coa modificación das tarifas prevista os termos mínimos de potencia recolleran o consumo máximo, aínda que este só se emprega nos meses de outono e inverno. Porén o actual sistema de tarifa nocturna só cobra o termo mínimo das horas diarias, o que reduce considerabelmente a factura que teñen que pagar os usuarios.

A nova tarifa ofrece un menor desconto

A nova tarifa presentada polo goberno contará cun desconto pola noite do 43%, e un sobreprezo durante o día do 35%, segundo explicou Blanco Parga, fronte ao desconto do 55% e un recargo do 3% no consumo diurno na tarifa que desaparece. As reformas obrigarán a uns custes importantes, como pode ser a instalación de acumuladores ou autómatas, que roldan o 75% dun ano de consumo normal, que terían que asumir como investimento as familias galegas ao comezo do ano. “E isto, nun país que conta con salarios e pensións que son dos máis baixos do Estado”, afirmou.

Taxas de alumeado nos concellos

O deputado do BNG acusou ao “ministerio de Industria do PSOE” de non dar solucións á desaparición, no ano 2007 da tarifa B0 para o alumeado público nos concellos, que afecta especialmente a Galiza porque o noso país conta con máis de 30.000 núcleos de poboación. Os municipios do país están obrigados a empregar a nova tarifa nocturna, polo cal estarán tamén afectados por esta taxa.

“Galiza xoga un papel curioso no sistema eléctrico estatal. Sufrimos a expoliación dos nosos recursos, somos uns grandes produtores, pero nas tarifas vémonos penalizados pola nosa climatoloxía”, dixo Blanco Parga, quen responsabilizou disto ao partido no goberno, pero tamén ao Partido Popular, que aprobou no 1997 a lei que obriga á tarifa única no Estado.

Nova en Canal Rías Baixas:
O BNG pide que non se suprima a tarifa eléctrica nocturna

Nova relacionada no Correo:
Mil quejas en Galicia en once días por el cambio de tarifa eléctrica

Galicia Hoxe:
O BNG esixe no Parlamento que se manteña a tarifa nocturna

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *