Transparencia nas Xuntas de Goberno Local

O BNG de Ribeira demanda máis transparencia en relación cos acordos adoptados nas diferentes Xuntas de Goberno Local (formada integramente por concelleiros e concelleiras do PP). Neste senso, solicitamos que se proceda con urxencia á elaboración das actas atrasadas das sesións celebradas dende marzo ata a data e á súa entrega aos concelleiros e concelleiras da Corporación Municipal.

Tamén reclamamos que se faga entrega de todas as actas municipais (tanto das Xuntas de Goberno como do Pleno Municipal) en soporte informático.

O Sistema Democrático tense dotado, ademais das institucións e órganos pertinentes para a elaboración das leis e o exercicio de goberno, das normas polas que estas deben regulamentarse para cumprilas e facelas cumprir. Tamén está prevista, en aras do exercicio transparente do goberno, a posibilidade de control por parte de quen, no seu momento, teña a responsabilidade de exercer, por mandato do pobo ao que representa, labores de oposición ao executivo correspondente.

Entre os órganos de goberno do Concello de Ribeira destaca polo seu mal funcionamento a Comisión de Goberno que ten entre as súas obrigas a de facer públicos os acordos que se adopten nas súas reunións, tal como se recolle no artigo 50.3 do Regulamento Orgánico Municipal (ROM) para, ademais de deixar constancia aos efectos oportunos, poder ser consultadas polos grupos de oposición no exercicio das súas funcións de control e fiscalización aos órganos de goberno.

A inexistencia de actas desde fai meses, ademais de apuntalar o escurantismo nos acordos tomados por este órgano, impide o exercicio de dereitos fundamentais por parte non só dos grupos da oposición, senón tamén da cidadanía en xeral, ocasionando incluso disfuncións noutros departamentos municipais. Conduce a unha política de feitos consumados que deixa á cidadanía en absoluta indefensión.

Por outra banda, tamén consideramos moi importante que determinados servizos, como é a entrega de actas aos membros da corporación, se faga de xeito informático. Ademais das inxentes cantidades de papel que se aforrarían, tamén a entrega das mesmas se faría dun xeito máis áxil, mesmo por correo electrónico, coa correspondente optimización de recursos humanos. O persoal que hoxe, entre outras cousas, se encarga do reparto das actas aos concelleiros e concelleiras, podería facer outras labores moi necesarias para un mellor servizo a toda a cidadanía do Concello.

Iniciativa Municipal:
2008-01-11-actas-comision-de-goberno.pdf

Nova no Diario de Arousa:
El BNG exige que se elaboren las “inexistentes” actas de las Xuntas de Gobierno local

Nova na Voz:
Os nacionalistas ribeirenses reclaman o acceso ás actas das comisións do goberno

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *