A Executiva propón a Dominga Brión para o Congreso

A Executiva Nacional do Bloque Nacionalista Galego vén de aprobar, por unanimidade dos presentes, as propostas de listas completas ao Congreso dos Deputados e ao Senado. Así, de ser aprobada a proposta nas asembleas comarcais e ratificada no Consello Nacional, Dominga Brión ocuparía o cuarto lugar da lista pola circunscrición da Coruña.

A portavoz do BNG no Concello de Ribeira é a primeira militante nacionalista da Barbanza que é proposta para o número catro nas listas das Xerais. Até este momento o posto máis alto para un militante da comarca fora o quinto en 1989.

A Executiva tivo presentes varias cuestións á hora de elaborar as listas. En primeiro lugar o BNG optou por candidatos e candidatas con capacidade, preparación e experiencia, o cal explica a presenza de numerosos alcaldes e alcaldesas tenentes alcalde e concelleiros con responsabilidades de goberno. O BNG, dada a importancia das eleccións xerais de marzo do 2008 para que Galiza teña unha forza decisiva en Madrid, desexa implicar na campaña electoral aos seus máximos referentes institucionais.

En segundo lugar, tívose en conta a paridade. Así, o BNG terá 12 mulleres por 11 homes no conxunto das candidaturas ao Congreso. No tocante ao Senado, haberá 6 candidatos e 6 candidatas.

En terceiro lugar, as propostas efectuadas polas asembleas comarcais, nun proceso de consulta democrática e participativa á militancia sen comparación posíbel con outras forzas políticas; e en cuarto lugar, a representatividade das distintas comarcas dentro das candidaturas polas circunscricións electorais provinciais.

Esta proposta efectuada pola Executiva Nacional será sometida á consideración das asembleas comarcais entre os días 7 e 12 de xaneiro, para ser ratificada polo Consello Nacional – previsibelmente o día 19 do mesmo mes – se así o decide o máximo órgano entre asembleas da organización nacionalista.

Proposta de listas da Executiva Nacional:
propostalistasxerais.pdf

Nova na Voz:
O BNG propón a Dominga Brión para as listas ao Congreso

One Comment on “A Executiva propón a Dominga Brión para o Congreso”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *